DEPORTES

Deportes proxecta unha terceira instalación acuática para a zona sur da cidade

23/03/2012 O Concello está a traballar para dotar ao sur da cidade coa que sería a terceira instalación acuática da cidade. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, na presentación do terceiro partido polo título da Liga Galega Absoluta de waterpolo que enfrontará ao Club Waterpolo Santiago co Galaico de Pontevedra o sábado 24, ás 19:15 horas, na piscina de Santa Isabel.

Adrián Varela animou os composteláns e compostelás a presenciar este partido e animar o equipo local na busca do que sería o seu décimo cuarto título nos seus dez anos de historia. Recordou que este club conta cuns 90 deportistas nas distintas categorías e 200 socios, e desexoulle éxitos á súa nova directiva no seu traballo "por e para o deporte de Santiago".

O concelleiro afirmou ser consciente das necesidades que, en canto a instalacións, teñen os clubs da cidade de natación, waterpolo e triatlón. Por iso, anunciou que están avanzadas as xestións con tres empresas para que, no prazo duns dous anos, Santiago poida contar cunha terceira instalación acuática, que se situaría no sur da cidade. Neste sentido, comprometeuse a axilizar o máis posible este proxecto.

Volvendo ao Club Waterpolo Santiago, a súa nova presidenta, Cristina Yáñez, indicou que o obxectivo é "mellorar a posición actual do equipo no deporte galego e alcanzar a 3ª División Nacional. No caso de producirse este ascenso, precisarían un orzamento maior, polo que fixo un chamamento a posibles patrocinadores.

Clasificado xa para a fase de ascenso, o club quere chegar ao mesmo co título de Liga. O adestrador, Xabier Pérez Carpio, agarda un partido igualado, no que a superioridade táctica dos composteláns supere a fortaleza física pontevedresa. Ademais, pediu o apoio do público e desexou que este encha a grada da piscina de Santa Isabel.

Compartir: