ALCALDÍA

O Centro do Patrimonio Mundial urxirá a Icomos para que axilice os seus dictames sobre as actuacións nas cidades españolas

22/03/2012 Unha representación do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, encabezada polo seu presidente e alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, foi recibida en París polo director do Centro do Patrimonio Mundial da Unesco, Kishore Rao. A delegación trasladoulle a este a intención do Grupo de colaborar coa Unesco en relación coa protección do patrimonio.

No encontro, o Grupo fíxolle chegar a Kishore Rao a súa inquietude pola demora que alcanzan as consultas vertidas sobre actuacións no patrimonio das diferentes cidades Patrimonio da Humanidade de España. O director explicou que as cuestións técnicas deben ser sometidas ao organismo asesor, Icomos Internacional, ao que se dirixirá para constatar as causas do atraso na resposta. Afirmou que a Unesco non quere poñer trabas ao desenvolvemento, que debe manter un equilibrio co valor universal do sitio, e comprometeuse a urxir ao órgano asesor para que axilice as respostas, xa que entenden que se deben conxugar os intereses da poboación e do patrimonio.

Kishore Rao tamén se comprometeu a chamar a atención de Icomos Internacional sobre a actuación que esta organización desenvolve en España, xa que a versión española non goza de ningún estatuto ante a Unesco e non pode revindicar ningunha relación con este organismo internacional. Asegurou aos alcaldes que a Unesco traballa só con Icomos Internacional.

Tras este encontro, Xerardo Conde Roa e os demais alcaldes reuníronse coa subdirectora xeral de Protección do Patrimonio, Ángeles Alastrúe, que lles explicou as actuacións que a súa área está desenvolvendo dende o cambio de Goberno.

Compartir: