URBANISMO E SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello habilita unha unidade na Policía Local para a medición de ruídos

22/03/2012 Unha unidade formada por axentes da Policía Local será a encargada a partir de agora de facer as mediacións de ruídos en locais nocturnos, festas, etc. Así o anunciaron en rolda de prensa os concelleiros de Urbanismo, María Pardo, e de Seguridade Cidadá, Albino Vázquez.

María Pardo explicou que este control de ruídos o viña facendo ata o momento unha empresa externa e mesmo con cita previa. A partir de agora serán axentes da Policía Local os que porten o sonómetro e os que realicen estas medicións de ruído, sen previo aviso ou baixo demanda. As medicións terán a correspondente certificación e servirán como medio de proba nos expedientes abertos nesta materia.

Trinta axentes da Policía Local recibiron formación sobre os sonómetros e as certificacións correspondentes para o seu uso. Esta unidade, indicou a edil, suporá un aforro económico e tamén unha maior "inmediatez" na realización destes controis. Os axentes tamén recibirán en vindeiras datas formación sobre a normativa de ruídos.

A propósito desta cuestión, Albino Vázquez apuntou o incremento de festas ruidosas que se ten producido nos últimos meses e do número de expedientes abertos polas mesmas. Ademais, aproveitou para anunciar que os axentes da Policía Local tamén se van formar no trato cos mozos a propósito do consumo de alcohol na vía pública. Este curso, pioneiro en Galicia, celebrarase en Santiago no mes de abril.

Ordenanza de Tramitación de Actividades
Por outra parte, a concelleira de Urbanismo deu conta dos asuntos tratados na última Comisión de Urbanismo, entre os que figuraban as modificacións da Ordenanza de Tramitación de Actividades e o proxecto de nova ordenanza reguladora da instalación de ascensores.

Sobre a primeira, recordou que os cambios supoñen unha axilización dos trámites burocráticos, substituíndo na maioría dos casos a solicitude da licenza pola declaración responsable e, no caso de obras menores, pola da comunicación previa. En ambos casos, os técnicos municipais realizarán posteriormente a correspondente inspección para comprobar a veracidade da declaración ou comunicación.

Unicamente se mantén a necesidade de solicitar licenza cando se trate de actividades que afecten ao medio ambiente, ao patrimonio histórico-artístico, á seguridade ou saúde públicas ou que impliquen o uso privativo e a ocupación dos bens de dominio público.

Ordenanza para a instalación de ascensores
Respecto ao proxecto de nova ordenanza reguladora da instalación de ascensores, indicou que substituirá á vixente para adaptala á Lei de Economía Sostible aprobada polo Goberno Central. Entre as novidades que achega destacan a regulación da ocupación de elementos comúns e tamén a posibilidade de ocupar partes privadas das propias vivendas cando sexa indispensable para a construción dos ascensores, contemplándose para estes supostos a expropiación. Respecto aos espazos libres ou de dominio público, a novidade provén da figura da ocupación, fronte á cesión regulada ata agora.

Ademais, a nova ordenanza solucionará deficiencias da anterior como a non inclusión da área do Plan Especial do Casco Histórico. Finalmente, ábrese a posibilidade de instalación de ascensores para todo tipo de inmobles, non só residenciais.

Acceso a Cidade da Cultura
A preguntas dos xornalistas, Albino Vázquez expresou a súa satisfacción polo anuncio do inicio do trámite de información pública do proxecto de trazado do acceso á Cidade da Cultura dende a AP-9, cuxa execución está suxeita á ampliación de capacidade da devandita autoestrada prevista polo Ministerio de Fomento no treito Santiago Norte – Santiago Sur.

Documentos relacionados



Compartir: