BENESTAR SOCIAL

Inaugurado no CSC de Vite o ciclo de conferencias "O profesional responde"

22/03/2012 O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte, inaugurou o ciclo de conferencias O profesional responde cunha charla sobre cuestións básicas relativas ás transmisións patrimoniais. Estas sesións mensuais teñen lugar no Centro Sociocultural "José Saramago" de Vite

Estas conferencias, destinadas ao público en xeral, tratan de informar a toda a veciñanza sobre cuestións e temáticas básicas, previamente demandadas polos propios destinatarios e destinatarias, e referentes a diferentes áreas de interese para toda a cidadanía.

En concreto, esta primeira conferencia de apertura do programa versou sobre cuestións de dereito de transmisións, aspectos básicos a ter en conta á hora de facer un testamento, obrigas e dereitos, custos... Ademais, deuse resposta ás diferentes preguntas que formularon os máis de 30 participantes.

A finalidade do ciclo de conferencias é proporcionar información e formación aos veciños e veciñas de Santiago sobre cuestións básicas, incrementando as súas destrezas e competencias para afrontar situacións da súa vida cotiá, así como promover actividades de participación cidadá. No mes de abril celebrarase unha nova xornada.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: