CULTURA

Sergio Pazos presenta "Se galego, my friend" dentro do ciclo Falabaratos

21/03/2012 Nova cita do ciclo Falabaratos. Monólogos, contos e outros shows no Teatro Principal. Nesta ocasión, Sergio Pazos ofrece o seu espectáculo Se galego, my friend en dúas sesións, xoves 22 e venres 23, ambas ás 21:00 horas.

Sergio Pazos presenta así o espectáculo: "Os galegos somos uns seres moi curiosos. Vémolo todo dende unha óptica diferente e temos un humor moi especial. Temos retranca, que tamén axuda. Temos anuncios que nos contan como somos, como o do Gadis: "Vivamos como galegos". Temos carallo, que nos vale para todo (e para o outro). Temos chistes de galegos. Temos a Deus, que ben puido nacer en Galicia., e pódese demostrar. Temos Deputacións moi divertidas. E temos a Sergio Pazos que nos conta que ata nos monólogos…os galegos somos distintos. Por iso el berra: Se galego, my friend, ao igual que Bruce Lee nos dicía Be water, my friend. Non deixes de ser galego e ven gozar deste espectáculo, que conseguirá que os que non son galegos tamén queiran selo. Ou Non".

Pazos, actor polifacético, é unha das caras máis coñecidas da pequena pantalla grazas ao seu papel de audaz reporteiro do noticieiro humorístico Caiga quien caiga. Comezou nos primeiros oitenta coas compañías teatrais Caritel e CDG. Traballou en numerosas producións propias da TVG, onde é especialmente popular polo seu papel na comedia Pratos combinados, e no eido da ficción, tanto para a galega como para as privadas Antena 3 e Tele 5 (Los ladrones van a la oficina, Farmacia de Guardia, Todos los hombre sois iguales, etc). Dende 1990 conta tamén con papeis en longas tan coñecidas como Airbag (Bajo Ulloa, 1997) ou O lapis do carpinteiro (Reixa, 2002). Nacido en Ourense en 1965, é diplomado en maxisterio na especialidade de Filoloxía.

As entradas, a un prezo de 6 euros, poden mercarse en Novagaliciabanco e na billeteira do Teatro Principal aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00h. Despois de Pazos, teremos dentro deste ciclo a Luis Piedrahita, Godoy, Pepo Suevos, Oswaldo Digón e David Amor.

Compartir: