MEDIO AMBIENTE

Os pequenos de Compostela toman conciencia do valor das árbores e da auga

21/03/2012 O parque Emilia Pardo Bazán (Monte de Conxo-Santa Marta) acolleu unha plantación de 300 exemplares de árbores autóctonas con motivo do Día da Árbore e da Auga. O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e a concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, sumáronse a este acto conmemorativo e de concienciación, no que participaron os colexios Cardeal Quiroga Palacios e Divino Maestro. Tamén se realizou unha instalación de rego por goteo.

No parque situado a carón de ambos colexios, máis de 300 escolares plantaron exemplares de diversas variedades de árbores autóctonas. piñeiros mansos, loureiros, liquidámbares, carballos, pradairos vermellos e prateados, sobreiras, érbedos, bidueiros e acivros. Ademais, os rapaces e rapazas recibiron cadanseu carné, relativo á especie que plantaran, e uns medidores de diámetro e dos compoñentes do solo. Así poderán seguir cada ano a evolución da árbore.

O alcalde expresou a súa "ledicia por vir a actos como este", no que os rapaces e rapazas toman conciencia da importancia de conservar o medio ambiente. En especial, valorou o "apadriñamento" das árbores como unha forma de seguir a evolución dos mesmos e asentar esa concienciación.

Os escolares tamén puideron presenciar nesta xornada unha instalación de rego por goteo. Esta experiencia serviulles para coñecer mellor o ciclo da auga. A propósito deste sistema, a concelleira de Medio Ambiente explicou que se trata dun "sistema de rego punteiro, controlado informaticamente, que permitirá medir determinados valores que facilitarán facer un bo uso da auga, especialmente en temporadas de seca como esta". Este é un sistema que se irá introducindo progresivamente nas diferentes zonas verdes da cidade.

Precisamente, da combinación dunha árbore e dunha pinga de auga naceu "Arborauga", a mascota desta edición, nada do concurso convocado ao efecto entre os alumnos do dous centros educativos participantes. Esta figura é a imaxe das bolsiñas que recibiron todos os rapaces e rapazas.

Documentos relacionados



Compartir: