MEDIO RURAL E PARTICIPACIÓN CIDADÁ

O Concello oferta un programa de dez excursións e catro viaxes de dous días para os veciños das parroquias do rural

21/03/2012 Os concelleiros de Medio Rural, Luis Bello, e de Participación Cidadá, Francisco Noya, presentaron a Imos coa Asociación, o programa de excursións e viaxes para os veciños do ámbito rural de Santiago de Compostela. Esta oferta específica inclúe dez excursións dunha xornada e catro viaxes de dous días a escoller polas 21 asociacións veciñais deste ámbito.

Segundo explicou Francisco Noya, grazas a este programa, as asociacións veciñais do rural disporán dunha oferta variada de destinos, facilitándolles o traballo de busca e organización. "Esta é unha vella demanda dos veciños do rural, recuperando unhas excursións que algunhas asociacións viñan facendo agora cos seus propios medios", engadiu Luis Bello.

O Concello faise cargo dos custos dos servizos dos guías, así como do gasto do seguro nas excursións. Así, o Concello asume en torno ao 40% do custo global, investindo as dúas concellarías un máximo duns 9.000 euros.

As asociacións veciñais recibirán nestes días a información de forma personalizada sobre a campaña. Terán á súa disposición asesoramento de persoal municipal para poder cumprimentar as solicitudes, facilitando deste xeito a rápida divulgación entre os veciños das respectivas parroquias desta iniciativa.

Esta campaña permitirá que, do 27 de marzo ao 12 de abril, as asociacións veciñais do rural elixan entre solicitar dúas excursións de un día ou unha viaxe de dúas xornadas, que poderán realizar dende maio ata novembro de 2012, agás as previstas para as Illas Cíes ou Ribeira Sacra, que se realizarán entre xuño e setembro. Rematado o prazo de recepción de solicitudes, por rigoroso orde de presentación na Casa das Asociacións, elaborarase o calendario de excursións e viaxes de cada unha as entidades solicitantes. A propósito da convocatoria, o edil de Participación Cidadá animou a aquelas asociacións de parroquias máis pequenas a xuntarse coas lindeiras se así o precisan para cubrir as prazas das viaxes.

A oferta de viaxes de dous días comprende os seguintes destinos: Ponferrada – As Médulas, Fátima, Asturias e León – Covas de Valporquero. As excursións diarias poderán ser a Fisterra, Viveiro, Baiona – Valença – Pontevedra, Ourense, Braga, Lugo, Ribeira Sacra – Canóns do Sil e Illas Cíes, ou tamén se poderá optar por pasar un día de praia no areal de Montalvo (Portonovo) ou no de Miño.

O prezo final que o veciño pagará nas excursións será o derivado do custo do autobús e, no caso das viaxes, tamén do seguro e do aloxamento. As asociacións deberán facer un pagamento conxunto pola totalidade das persoas que participan na excursión, a través do ingreso na conta bancaria que se lle indicará dende a organización.

Este programa para o rural súmase aos denominados Imos de excursión e Imos de sendeirismo, xa presentados, e que ofertan outro amplo programa de viaxes e excursións por Galicia, España e Portugal.

Nova organización dos centros socioculturais
Por outra parte, Francisco Noya aproveitou a rolda de prensa para anunciar que, dende o 1 de abril entrará en funcionamento a nova organización dos centros socioculturais. Desaparecen os centros cabeceira e dependentes, pasando a unha estrutura territorial dividida entre a zona urbana e a zona rural. Cada centro terá un responsable e non haberá xa persoas que se teñan que teñan ao seu cargo centros urbanos e do rural, explicou.

Luis Bello indicou que a propósito da nova división que o rural precisa "programas específicos" e unha "tipoloxía de actividades moi distinta". Así, puxo como exemplo que, mentres que en torno á 21:00 horas remata a actividade nos centros urbanos, a esa hora é cando empeza nos do rural.

Ademais, coa entrada en vigor do novo contrato global para animación dos centros socioculturais, Noya apuntou que en torno ao 80% dos centros van aumentar os seus días de actividade, malia ser o importe do contrato o mesmo que na anterior campaña. Neste sentido, destacou algúns centros que, de non ter actividade, pasan a ter ata tres días.

Esta maior presenza de persoal municipal e da empresa adxudicataria para a realización de actividades nos diferentes centros implicará que "non teñamos que usar a bolsa de horas, que se empregarán para actividades puntuais". Finalmente, comentou que á empresa adxudicataria se lle pediu "un esforzo especial para que os centros socioculturais sexan punto de información e asesoramento permanente a veciños e asociacións".

Compartir: