CULTURA

Rebeca Jiménez, Cardigan Bridge, Patricia Moon e Jane Joyd en "Palabra de Muller"

20/03/2012 O Teatro Principal acolle o mércores 21 de marzo, ás 20:30 horas, a gala-concerto Palabra de Muller, dentro do ciclo Íntimo&Acústico. Nela, estará Rebeca Jiménez como cabeza de cartel, acompañada das galegas Cardigan Bridge, Patricia Moon e Jane Joyd.

Palabra de Muller xorde da necesidade de desenvolver un proxecto cuxo obxectivo principal é dar visibilidade a mulleres compositoras, intérpretes, artistas e mesmo empresarias. Este evento dará cabida a propostas que abarcan desde a canción de autor ao pop máis refinado. Proponse con iso un achegamento aos loables á vez que interesantes traballos de artistas emerxentes, ou cunha xa consolidada traxectoria, tales como Rebeca Jiménez, Patricia Moon, Cardigan Bridge ou Jane Joyd.

Rebeca Jiménez é unha songwriter cada vez máis preto da madurez, lista para saltar da súa alma ao papel e verter a tinta en notas musicais fantasticamente arroupadas por un cadro de persoal de "números un" do rock nacional. O trío encargado de apoiala é o formado por Mario Raia ás guitarras, Jacob Reguilón ao baixo e Toni Xurado á batería, unha garantía de feeling e execución importada desde o planeta rock.

Jane Joyd é o proxecto musical de Elba Fernández (A Coruña). En pouco máis dun ano asentouse como unha das propostas con máis potencial no panorama independente. Ata a data, compartiu cartel con artistas da talla de DePedro, Basia Bulat, Greg Dulli, James Yuill ou Matt Elliott. Actualmente, Jane Joyd está a perfilar o que será a súa seguinte referencia discográfica.

Patricia Moon é unha artista que volve renovar o seu estilo e a súa música. Tras un primeiro álbum en acústico e ben acollido pola prensa nacional, que a bautizou como "a creadora dun xénero ata agora descoñecido", deu un xiro ao seu estilo achegándose ao rock, pero sen perder a orixinalidade harmónica que a caracteriza. O seu segundo traballo presentarase a mediados de 2012.

Cardigan Bridge é Rebeca Ponte, cantautora e artista multidisciplinar que baixo o título On The Windowsill... presentouse cun primeiro álbum, variado e ecléctico. Compón cancións para cinema e teatro e as súas composicións puidéronse escoitar como parte das súas instalacións e performance artísticas no Museo do Mar de Vigo, o Instituto Italiano de Cultura de Irlanda, na Sala Francesca de Llobera ou o Teatro Moloko de Pigalle, París, entre outros.

As entradas para este concerto, a 10 euros, están á venta en Novagaliciabanco ademais de nas billeteiras do Teatro Principal abertas de martes a sábado de 18.00 a 21.00h.

Próximo concerto, Daniel Higgs
O próximo concerto de Íntimo&Acústico será o de Daniel Higgs o luns 26 de marzo. Poderemos escoitar o seu folk psicodélico na Zona "C" a partir das 20:30 horas e as entradas para o concerto están xa á venda na billeteira do Teatro Principal, ademais de o propio día do concerto na Zona "C" a un prezo de 6 euros.

Compartir: