XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno inicia a tramitación dunha nova ordenanza reguladora da instalación de ascensores

20/03/2012 Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno presentouse o proxecto de ordenanza reguladora da instalación de ascensores en inmobles residenciais. Ademais, aprobouse unha serie de modificacións técnicas na Ordenanza de Tramitación de Actividades.

A nova ordenanza reguladora das condicións para a instalación de ascensores en edificios de carácter residencial, vén a reparar as deficiencias da anterior, que entrara en vigor a finais de 2009, como a non inclusión dos ascensores incluídos na área do Plan Especial da Cidade Histórica, segundo indicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado. Ademais, preténdese adaptar a ordenanza ao establecido na Lei de Economía Sostible aprobada polo Goberno do Estado en 2010, que introduce cuestións como a expropiación de espazos privativos cando sexa estritamente necesario ou a cesión de solos públicos para este tipo de instalacións.

Tamén en materia de urbanismo, aprobouse unha serie de modificacións técnicas en varios artigos da xa aprobada Ordenanza Municipal de Tramitación de Actividades. Paula Prado recordou que esta norma, coa regulación das figuras da comunicación previa ou da declaración responsable, pretende eliminar trámites burocráticos e dinamizar a instalación de establecementos comerciais na cidade.

Recepción do campo de San Lázaro
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno aprobou a apertura e recepción do campo de fútbol de herba artificial de San Lázaro, unha vez resoltas as deficiencias que presentaba e unha vez retirada a liña de alta tensión que o atravesaba.

Compartir: