DEPORTES

O Monte do Gozo acollerá o 17 de maio o I Freestyle de Santiago de Compostela

20/03/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o I Freestyle Speed Style de Santiago de Compostela, que se celebrará no Monte do Gozo o 17 de maio. Este evento permitirá contemplar ao aire libre as máis espectaculares acrobacias sobre unha moto, grazas á presenza do campión do mundo, Dani Torres, e dos sete mellores aspirantes mundiais do momento.

Adrián Varela salientou a espectacularidade desta disciplina e indicou que "é a primeira vez que unha actividade deste tipo se realiza ao aire libre en Galicia". Valorou a presenza do campión do mundo na proba e expresou o seu desexo de que o evento "se consolide en Santiago co paso dos anos". Ademais, agradeceu a colaboración do Autos Lobelle na difusión da competición.

Miguel Cedeira, xerente de PGA Eventos, a empresa que xunto co Concello organiza a proba, explicou o desenvolvemento da mesma: "Será unha competición entre oito pilotos, emparellados de dous en dous, que se irán eliminando entre eles tras dar tres voltas a un circuíto e dar os saltos habituais. Serán valorados por un xurado, que determinará o campión, subcampión e terceiro clasificado".

Xunto o concelleiro e o representante de PGA Eventos compareceron en rolda de prensa dous dos competidores, Gaby Villada e Martins Alexandrovich. O primeiro é un dos artífices do circuíto que acollerá a proba no Monte do Gonzo. Acompañaranos neste I Freestyle, ademais de Dani Torres, Maikel Melero, Fran Meyer, Miguel Espada e Abraham Parra.

Gaby Villada e Martins Alexandrovich saíron tras a rolda de prensa á praza do Obradoiro para amosar as súas habilidades coa moto. Adrián Varela tamén se apuntou a dar unha volta sobre unha das máquinas.

As entradas para esta proba xa están á venda na web www.entradas.com e nos caixeiros de Caja Madrid.

Documentos relacionados



Compartir: