TURISMO

Santiago de Compostela promocionará a súa Semana Santa por primeira vez nos mercados español e internacional

16/03/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, presentou a programación da Semana Santa 2012. O Concello quere asentar esta celebración como un aliciente máis do atractivo turístico da cidade, polo que nesta edición se promocionará o evento nos mercados español e internacional.

En total serán 16 as procesións as que percorran a cidade. A primeira será a Procesión da Virxe das Dores, o 30 de marzo. Entre o 1 e o 8 de abril celebraranse as restantes, salvo a Procesión do Cristo da Paciencia, que será o 15 de abril. Respecto da edición de 2010, os únicos cambios nestas procesións teñen que ver con horarios ou con algunha nova imaxe que portarán as confrarías. A estas procesións hai que sumar o amplo programa de cultos e liturxia na Catedral.

O alcalde indicou que o Concello pretende "potenciar" a Semana Santa de Santiago e "impulsar a súa presenza pública nacional e internacional", converténdoa nun "foco máis de atracción da cidade". Toda a información está dispoñible na web www.semanasantasantiago.com, desenvolvida por Turismo de Santiago. A web inclúe todo o calendario de procesións que se celebran na cidade, así como información sobre as distintas confrarías.

A información sobre a Semana Santa tamén figura na Spain Virtual, unha innovadora feira de promoción a través de internet que comezou o 12 de marzo. Grazas a este certame virtual, Santiago poderá publicitar a súa oferta turística -tanto da cidade en tanto que destino como de eventos específicos como este da Semana Santa- entre os profesionais de Estados Unidos e Canadá. A feira prolongarase durante todo o ano.

Outra vía de promoción será a colaboración coa Asociación de Periodistas do Camiño de Santiago, co fin de usar as súas canles de comunicación. Ademais, a Semana Santa da cidade tamén estará presente no Periódico Dixital do Camiño.

Información complementaria
En www.santiagoturismo.com tamén pode consultarse e reservar as visitas guiadas e actividades turísticas: visitas guiadas á cidade histórica, dispoñibles en español, inglés e italiano; visitas guiadas ao patrimonio da Universidade de Santiago, máis de cinco veces centenaria, e visitas guiadas ás cubertas da catedral.

Completan o abano de posibilidades para descubrir a cidade, o tren turístico e as audioguías "Santiago en mp3", que neste 2012 se amplían a seis: ademais da cidade histórica, a partir desta Semana Santa, os visitantes contarán tamén con audioguías para o Museo de Terra Santa, o Museo de Arte Sacra, a Colexiata de Sar, o Museo do Pobo Galego e o Hostal dos Reis Católicos. Inclúense ademais excursións organizadas dun día a Fisterra-Costa da Morte e ás Rías Baixas.

Xerardo Conde Roa estivo acompañado na rolda de prensa pola concelleira de Turismo, Reyes Leis; polo presidente da Xunta de Confrarías, Isolino Castiñeiras; e polo consiliario da mesma, Elisardo Temperán.

Datos de febreiro do aeroporto
Tamén en materia de turismo e nunha rolda posterior, o alcalde amosouse "moi contento" polos "espléndidos datos" do aeroporto de Lavacolla en febreiro, mes no que "se recuperou un crecemento moi importante". Para Conde Roa, "está calando a estratexia de convencer a todos os axentes do sector de que Lavacolla é o aeroporto central de Galicia". Ademais, reiterou que se está traballando cara "un escenario sen subvencións".

Compartir: