COMERCIO

O Concello premia o traballo do pequeno comercio compostelán

15/03/2012 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou os Premios do Comercio Compostelán 2012, cos que o Concello quere recoñecer o traballo e o esforzo dos pequenos comerciantes da cidade e que se entregarán o día 19 de abril nunha recepción no Concello. Reyes Leis destacou a importancia que o sector comercial ten para a cidade tanto como xerador de emprego como humanizador de rúas e barrios.

Os premios deste ano introducen importantes cambios con respecto das edicións anteriores. En anos pasados recoñecíase algúns comercios simplemente pola súa lonxevidade. Neste ano, e dado que a vida dun comercio ten diferentes dimensións, establécense seis categorías que pretenden recoñecer o traballo dos comerciantes en diferentes ámbitos. As categorías, tal como indicou a técnica Lucía Castro, son:

- Comercio de Barrio: terase en conta aqueles comercios que destaquen pola súa proximidade nos barrios e por prestar ese valor engadido de proximidade e trato personalizado nas compras do día a día.

- Comercio Agarimo: premiarase ao comercio que sobresaia pola súa esmerada atención ao cliente e servizo post-venta.

- Comercio 2.0: valorarase a incorporación das novas tecnoloxías tanto no seu funcionamento diario coma na relación cos clientes (uso do comercio electrónico, redes sociais, sinatura electrónica, factura electrónica ou calquera outra medida de innovación empregada no ámbito comercial).

- Comercio Innovación: recoñeceranse as innovacións aplicadas polos comercios nos seus respectivos sectores, tanto a nivel da calidade visual dos estabelecementos coma polos produtos ofertados.

- Comercio Emprega: valorarase a capacidade de xeración de empregos directos así como a procura da conciliación familiar e laboral dentro do pequeno comercio.

- Comercio Veterano: recoñecerase a labor deses pequenos comercios familiares que desenvolven a súa labor dende fai anos demostrando a súa capacidade de permanencia e adaptación os novos tempos.

Os gañadores dos premios de "Comercio de Barrio" e "Comercio Agarimo" elixiranse mediante votación popular a través de Internet. Os outros catro serán elixidos por un xurado composto por representantes do Concello, as asociacións comerciais, a Cámara de Comercio, a Asociación de Consumidores e o Mercado de Abastos.

Os triunfadores recibirán unha figura conmemorativa. Para a creación desta figura convócase tamén un concurso dirixido aos artesáns composteláns inscritos no rexistro da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. O Xurado estará formado por representantes do Concello, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e das
asociacións comerciais.

Direccións relacionadas



Compartir: