FESTAS

San Lázaro celebra a tradicional Festa da Uña cun amplo programa lúdico e gastronómico

15/03/2012 Os días 24, 25 e 26 de marzo celebrarase no barrio de San Lázaro a Festa Gastronómica da Uña. O Concello colabora con esta festa, de gran tradición na cidade, na que non faltarán a poxa e a degustación das uñas, acompañadas dun completo programa lúdico.

O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou o programa da Festa da Uña, acompañado por Mónica Rodríguez e Sandra Losada, da Asociación Cultural e de Festexos de San Lázaro, organizadora da celebración. Este ano será o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, o encargado de ler o pregón o domingo 25 de marzo.

A Festa da Uña comezará o sábado 24 de marzo, ás 18:30 horas, coa celebración dun festival de folclore infantil detrás da igrexa de San Lázaro. Pola noite, verbena a cargo das orquestras Garibaldi e Panamá.

O domingo 25, a animación comezará xa ás 10:00 horas, coa animación das rúas por unha charanga. Tamén ben cedo, ás 9:00 horas, celebrarase a primeira das misas do día. As seguintes terán lugar ás 10:00, 11:00, 12:00 e 19:00 horas.

Ás 12:30 horas, San Lázaro sairá en procesión da capela para ir ata o campo da festa, a carón do estadio de San Lázaro, onde se celebrará unha misa. Logo o Santo volverá á ermida. Entón o alcalde pronunciará o pregón. A nota musical correrá a cargo do grupo folclórico Colexiata do Sar.

Rematado o pregón, momento para degustar as uñas a carón da propia igrexa. Ademais, a orquestra Palladium terá a súa sesión de mediodía, repetindo posteriormente pola noite. Durante a tarde, de 18:00 a 20:00 horas, actuará o grupo de baile tradicional Armadanzas.

Poxa
O luns 26 terá lugar, a partir das 11:30 horas, a tradicional poxa das uñas. Este acontecemento era no pasado unha ofrenda a San Lázaro. Na actualidade, o recadado na poxa serve para sufragar os gastos das misas e para manter a capela.

Nesta xornada tamén tocará a Banda Municipal de Música (13:00 horas). Xa pola noite, actuación da orquestra Panorama, que repite un ano máis. Tamén haberá oficio relixioso este día, ás 11:00 e ás 19:30 horas.

Documentos relacionados



Compartir: