ALCALDÍA

Unha Comisión de Coordinación Policial elaborará o Plan Local de Seguridade e o Plan de Seguridade Viaria

12/03/2012 A Xunta Local de Seguridade quedou constituída en Raxoi nunha reunión presidida polo alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e polo subdelegado do Goberno, Jorge Atán Castro. Na sesión aprobouse a constitución dunha Comisión de Coordinación Policial que se encargará de elaborar o Plan Local de Seguridade e o Plan de Seguridade Viaria.

Esta Comisión de Coordinación Policial reunirase ordinariamente con carácter trimestral e terá como unha das súas tarefas a elaboración coordinada dos dous devanditos plans. Neste sentido, o subdelegado do Goberno anunciou que será o Plan Local de Seguridade o primeiro en redactarse.

A aprobación desta Comisión foi un dos puntos da orde do día dunha Xunta Local de Seguridade que quedou constituída adaptándose á nova normativa fixada para este tipo de entidades polo Real Decreto 1087/2010. Para o alcalde, a creación deste órgano de coordinación é "un paso moi importante na folla de ruta a seguir en Santiago" en materia de seguridade. Nesta dirección, afirmou a "vontade de colaboración e traballo conxunto" nesta materia.

A Xunta Local de Seguridade, na que están representados os diferentes corpos de seguridade con competencias no ámbito de Santiago e as administracións estatal, autonómica e local, nace para "optimizar medios" e que isto "redunde na seguridade dos cidadáns", en palabras de Jorge Atán. As súas reunións ordinarias serán semestrais, se ben se poderán convocar de modo extraordinario cando algún acontecemento o motive.

Documentos relacionados



Compartir: