XUNTA DE GOBERNO

O Concello favorecerá a inserción laboral dos composteláns nas seleccións de persoal das empresas de nova implantación na cidade

12/03/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, adxudicou do estudo denominado Marco conceptual para o desenvolvemento de políticas de atracción e promoción da implantación de novas empresas e a creación de emprego. Ademais, contratouse unha asesoría técnica que colaborará na posta en marcha dos programas deportivos municipais e designouse o xurado do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados.

O estudo contratado pretende analizar o mercado e os factores que inciden no desenvolvemento de políticas de atracción e promoción para a implantación de novas empresas e a creación de emprego. Analizaranse políticas de atracción de investimentos e as experiencias exitosas de programas nese eido, e identificaranse as mellores prácticas para deseñar unha proposta de acción. Este estudo terá un custo de 12.000 euros.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, "pretendemos que os postos de traballo que se creen no concello queden no concello". Isto será posible grazas a por a disposición a Axencia Local de Colocación e o Servizo de Intermediación Laboral das empresas de nova implantación na cidade para "favorecer que nas súas seleccións de persoal teñan prioridade os inscritos na bolsa de emprego municipal". A empresa adxudicataria xa mantivo contactos con algunhas destas empresas na Feira Internacional do Emprego e xa hai contactos avanzados para asinar convenios neste eido coas mesmas.

Centros Socioculturais
Por urxencia, adxudicouse o contrato de dinamización dos centros socioculturais por importe de 1.635.000 euros máis IVE e unha duración de dous anos, prorrogables a outros dous. Destacou Paula Prado que se incrementou 60.000 euros o importe destinado a este programa e que, naqueles centros socioculturais con máis demanda, se vai incrementar o programa de actividades un día a maiores.

A propósito do titular da Concellería de Centros Socioculturais, Francisco Noya, a Xunta de Goberno aprobou a delegación de firma no mesmo como concelleiro de Festas.

Subvencións
O Goberno local tamén deu conta da presentación de varias subvencións á Deputación da Coruña. Así, o Departamento de Educación, solicitou axudas para o programa de visitas didácticas á exposición Compostella Dicitur (20.000 euros), para a Escola Municipal de Música (10.000 euros), para o certame Compostela en Danza (6.809 euros), para un certame de teatro (4.340 euros) e para a Cibercaixa (19.000 euros).

Centros Socioculturais solicitou unha subvención de 32.500 euros para o equipamento do Centro Sociocultural de Santa Marta e Deportes outra para o acondicionamento do ximnasio do Estadio de San Lázaro, por importe de 65.000 euros. O Departamento de Muller pide unha achega de 39.500 euros para o programa Creando en igualdade e Economía unha de 65.000 euros destinada á iniciativa Santiago Investors Support.

Deportes
En materia de Deportes, aprobouse a contratación dunha asesoría técnica para colaborar na en marcha dos programas deportivos municipais e na elaboración e definición dun plan deportivo para a época estival, por un importe de 20.237 euros. O período de traballo será do 15 de marzo ao 14 de novembro.

Parques e Xardíns
Na sesión tamén se acordou a revogación das concesións das hortas de Belvís, co obxecto de abrir un período de 10 días para a solicitude de novas autorizacións de uso, tendo en conta os períodos de plantación. Terán preferencia na adxudicación das 31 hortas dispoñibles os veciños do entorno, os maiores de 65 anos e os xubilados.

Educación
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a designación do xurado do V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. Estará presidido polo concelleiro de Educación, Ángel Currás, por delegación do alcalde, e integrado por Felicidad Orquín, crítica e investigadora en literatura infantil e editora; Xan López Domínguez, ilustrador galego de literatura infantil de gran proxección internacional; Juana Vázquez, mestra en activo dende 1983 e responsable da posta en marcha das bibliotecas escolares no CEIP Présaras e no CEIP José Cornide (A Coruña); e, como representantes das entidades convocantes, Xosé M. Rodríguez-Abella Gómez, xefe do Departamento de Educación; e Manuela Rodríguez, de Kalandraka Editora. Actuará como secretaria técnica Beatriz Varela, da Concellería de Educación.

Correccións en nomes de rúas
Finalmente, procedeuse a corrixir varios erros na designación de nomes da anterior Xunta de Goberno. Así, anúlase a asignación do nome de José Villar Granjel para a rúa E do SUNP-25 de Roxos, porque este nome xa figuraba no rueiro municipal. A esta rúa E dáselle entón o nome de José Luís Pensado Tomé.

Tamén se anula o nome Ceuta para a rúa D do SUNP-31 de San Marcos, debido a que este nome xa se lle asignara á rúa F do SUNP-6.2-PERI 5 de San Lázaro. Así, esta rúa de San Marcos levará agora o nome de rúa Cantabria.

Compartir: