EDUCACIÓN

Pais e fillos compartiron un didáctico conto musical na Galería Sargadelos

10/03/2012 A Galería Sargadelos acolleu o primeiro dos concertos dirixidos as familias compostelás que o Departamento de Educación organizou, nesta ocasión, a través da Escola Municipal de Música. Numerosas familias sumáronse a este concerto.

O concelleiro de Educación, Ángel Currás, valorou moi positivamente a receptividade das familias asistentes e confirmou o interese por manter estas actividades, que representan unha motivación importante para que os pais e as nais e os pequenos utilicen a cidade como un recurso educativo e unha oportunidade para a socialización.

Dentro da programación da Escola Municipal de Música para este curso escolar, púxose en marcha este novo proxecto educativo co obxectivo de promover o achegamento da música aos máis pequenos. Leva por título Os cantos do país do xeo. As actividades que se están a desenvolver arredor deste proxecto inclúen, entre outras actividades, un ciclo de concertos en familia, co que se pretende favorecer a práctica musical a través de contos, cancións, xogos ou obradoiros de instrumentos, entre outras propostas educativas.

Nesta nova iniciativa municipal préstase unha especial atención á participación das familias, deseñando actividades especialmente dirixidas a todas aquelas persoas (nais, pais, avós/as, coidadores, educadores e animadores de tempo libre) que queiran compartir cos seus fillos/as ou nenos unha sesión de aproximación á práctica musical.

Un cuarteto da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela e a narradora, cantante e actriz Mónica de Nut desenvolveron a actividade. A sesión consistiu nunha narración dun conto musical no que se ía enfiando a presenza de diferentes instrumentos, en solitario e en conxunto.

A entrada era libre e de balde para todas aquelas familias e colectivos de tempo libre que quixeran participar nesta proposta, especialmente deseñada para nenos/ as entre os 4 e os 8 anos. Ademais deste concerto na Galería Sargadelos, haberá outro o sábado 17 de marzo, tamén á s12:30 horas, na Fundación Torrente Ballester.

Compartir: