INFRAESTRUTURAS

O Goberno local trasladará aos servizos xurídicos as anomalías detectadas nos controis de calidade a varias obras

07/03/2012 A concelleira de Obras e Infraestruturas, María Castelao, deu conta dos resultados do control de calidade realizado a varias obras de pavimentación realizadas en 2010, que considerou "alarmantes" e reveladores de que "algo se estaba facendo mal". As "irregularidades" detectadas serán trasladadas aos servizos xurídicos do Concello, anunciou.

O control de calidade realizouse ás obras de reurbanización de Rosalía de Castro – Santa Marta – Choupana – Volta do Castro e de Galeras – Salvadas – Vista Alegre, e ás obras de reforzo do firme incluídas nun contrato global. No caso deste, tomáronse mostras nas rúas Amor Ruibal, Restollal, Hórreo e Ramón Piñeiro, San Caetano e Xoán XXIII, París e Roma.

Segundo indicou María Castelao, salvo as dúas primeiras obras, o resto presentan "anomalías". Non obstante e, destas dúas, recordou que no caso da reurbanización de Santa Marta foran xa detectadas con anterioridade irregularidades.

Nas obras de reforzo do firme, do análise realizado resulta que, fronte aos 6 centímetros de espesor tipo no aglomerado requiridos nos proxectos, ningunha delas supera os 4,5 centímetros, sendo o espesor medio dalgunha obra de 3,5 centímetros. Mesmo se detectaron –dixo- testemuños con só 2,5 metros de espesor.

Outra das variables que miden a calidade do pavimento é a densidade do aglomerado que, segundo explicou, debería estar de media entre os 2.350 e os 2.450 quilogramos por metro cúbico. Pero o control revela que en ningunha das mostras tomadas se superaban os 2.329 kg/m3, sendo o máximo medido 2.349 kg/m3 nunha das obras ben executadas. A media de densidades situouse nos 2.250 kg/m3.

Estas obras de reforzo do firme foron realizadas pola mesma empresa no marco duns proxectos valorados en 366.000 euros. En palabras da concelleira, esta menor calidade do executado teríalle suposto á adxudicataria un aforro de 100.000 euros.

Á vista destes datos, María Castelao anunciou que se dará conta dos mesmos aos servizos xurídicos para que emita o seu informe en relación a este "suposto fraude na execución das obras de pavimentación no Concello de Santiago". A partir deste informe, o Goberno municipal decidirá se é preciso facer este control de calidade noutras obras anteriores.

En calquera caso, indicou a edil, vaise realizar ao final de cada ano un control de calidade das obras executadas no exercicio. Esta comprobación global afectará fundamentalmente ás actuacións que non teñan xa incluído contractualmente este control de calidade.

Documentos relacionados



Compartir: