CULTURA

Ingolf Wunder, Emanuel Ax e Paul Lewis no Ciclo de Piano Ángel Brage

07/03/2012 O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e Maximino Zumalave, director asociado da Real Filharmonía de Galicia e director deste ciclo, presentaron o Ciclo de Piano Ángel Brage, que se inaugura o xoves 8 con Ingolf Wunder. Completan o ciclo Emanuel Ax o sábado 14 de abril e Paul Lewis o venres 11 de maio. Todos os concertos, que están enmarcados no programa de abono do Auditorio de Galicia, son ás 21:00 horas. O ciclo conta co patrocinio do Consorcio de Santiago; Castrosua; Egasa; Televes; a Fundación Araguaney; e de Eduardo Beiras García-Martí, que tamén estivo nesta presentación.

Ingolf Wunder naceu en Klagenfurt en 1985, comezou tocando o violín con 4 anos, e aos 14 descubriu o seu gran talento para o piano, debutando no Schubert Hall do Konzerthaus en Viena. Aos dezaseis anos interpretou o Concerto de Piano núm. 3 de Prokofiev no Théâtre des Champs-Élysées en París coa Orquestra Nacional de Francia e Emanuel Krivine. Ademais, actuou coa Orquestra de Cámara Amadeus e coa Orquestra Nacional de Montpellier e Jerzy Semkow. Gañou os máis importantes premios en numerosos concursos como os de Turín, Hamburgo, Feldkirch, Asti, Casarza e Budapest.

En 2011, realizou unha exitosa xira por Xapón coa Orquestra Filharmónica de Varsovia baixo a dirección de Antoni Wit xunto cos outros gañadores do Concurso Chopin. Este ano aparecerá nas máis importantes salas de concerto polacas, así como en Tel Aviv, no Konzerthaus de Viena, Düsseldorf, Eisenstadt, Hamburgo, Berlín, Oslo, Zúric e Basilea. En xaneiro de 2011, Ingolf Wunder converteuse en artista en exclusiva de Deutsche Grammophon. O seu primeiro disco, un recital de Chopin, saíu ao mercado en xuño de 2011.

Emanuel Ax gañou con 25 anos o Concurso Internacional de Piano Arthur Rubinstein en Tel Aviv. Cinco anos despois, conseguiu o cobizado Premio Avery Fisher en Nova York. Foi artista en exclusiva de Sony Classical dende 1987, facendo o seu debut neste selo cunha colección de scherzos e mazurcas de Chopin. Os seus lanzamentos máis recentes inclúen tríos de piano de Mendelssohn con Itzhak Perlman e Yo-Yo Ma, actuacións con instrumentos de época das obras completas para piano e orquestra de Chopin coa OAE e baixo a dirección de Sir Charles Mackerras, e o Concerto de Piano núm. 2 de Brahms con Bernard Haitink e a Sinfónica de Boston.

Na tempada 2011/12 destacan compromisos coa Filharmónica de Berlín, Royal Concertgebouw, Bayerische Rundfunk, Filharmónica de Londres, Orquestra de Cámara de Europa e Orquestra Nacional de Francia baixo as batutas de Sir Simon Rattle, Mariss Jansons, Sir John Eliot Gardiner, Vladimir Jurowski, Bernard Haitink e Sir Colin Davis. Ademais, actuará por primeira vez coa Orquesta Nacional de España e a Orquestra Filharmónica della Scala, e no verán de 2012 realizará unha xira polos principais festivais europeos coa Orquestra Sinfónica de Londres. Actuará tamén no Wigmore Hall, en Londres, nunha serie de Sonatas de Beethoven con Leonidas Kavakos, que se repetirán no Musikverein, en Viena, a tempada seguinte. Nacido en Lvov, Polonia, mudouse de neno a Winnipeg, Canadá, coa súa familia. É membro da Academia Americana de Artes e Ciencias e posúe doutoramentos honoríficos de música polas Universidades de Yale e Columbia. Actualmente vive en Nova York coa súa muller, a pianista Yoko Nozaki.

Paul Lewis está considerado internacionalmente como un dos pianistas máis importantes da súa xeración. Gañou o Premio ao Instrumentista do Ano da Royal Philharmonic e o South Bank Show Award de Música Clásica, o Diapason d’Or de l’Année en Francia, dous premios sucesivos Edison en Holanda, o 25º Premio Internazionale Accademia Musicale Chigiana de Siena e tres premios Gramophone, incluíndo ao do disco do ano 2008. Entre os anos 2005 e 2007, interpretou o ciclo completo das Sonatas de Beethoven en escenarios de toda Europa e América do Norte.

Ten unha relación particularmente estreita co Wigmore Hall de Londres, onde apareceu en máis de corenta ocasións. Actuou con moitas das principais orquestras do mundo. Paul Lewis estudou con Ryszard Bakst en Chethams School of Music e Joan Havill na Guildhall School of Music and Drama, antes de pasar a estudar en privado con Alfred Brendel. Xunto á súa esposa, a violonchelista norueguesa Bjørg Lewis, é director artístico do Midsummer Music, un festival de música de cámara anual, celebrado en Buckinghamshire, Reino Unido.

Venda de entradas
As entradas poden mercarse en Novagaliciabanco (no teléfono 902 43 44 43 ou na web entradas.novagaliciabanco.es); nas billeteiras do Teatro Principal de martes a sábado de 18:00 a 21.00 horas e nas billeteiras do Auditorio o día do concerto dende as 18:00 horas ata que dea comezo o mesmo. O prezo da entrada é de 15 euros; 7,5 euros para estudantes e xubilados

Documentos relacionados



Compartir: