DEPORTES

Santiago de Compostela tamén quere ser un concello activo e saudable

07/03/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, asistiron á presentación na área de Santiago do Plan Galicia Saudable, impulsado pola Secretaría Xeral Para o Deporte. Esta é unha acción encamiñada a gañar apoios á Declaración de Galicia saudable que promove o Goberno galego e que se presentará publicamente en abril.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, reuniuse cos alcaldes, concelleiros e técnicos municipais da área de Santiago para darlles a coñecer este Plan. Así, xunto ao alcalde e o concelleiro composteláns, participaron na xuntanza representantes de Boimorto, A Baña, Ames, Boiro, Boqueixón, Cerceda, Dodro, Frades, Lousame, Melide, Mesía, Negreira, Noia, O Pino, Ordes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiso, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Santa Comba.

O fin último do proxecto é estender a práctica deportiva entre a poboación galega e concienciar á sociedade dos seus beneficios para a saúde. Para logralo, a Xunta pretende artellar un proceso o máis transversal e completo posible, implicando a todos os concelleiros e técnicos dos diversos departamentos municipais relacionados co eido de actuación do Plan Galicia Saudable: deportes, educación, sanidade, transportes, urbanismo, turismo, medio ambiente, servizos sociais, etc.

O Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable é a resposta para loitar contra o sedentarismo e as enfermidades asociadas ao mesmo, a través dunha aposta por promover cambios no estilo de vida da sociedade galega e impulsar a práctica da actividade física. O Plan recolle as liñas e recomendacións das principais organizacións mundiais relacionadas coa saúde, que chaman a atención sobre a necesidade de poñer en marcha medidas que interveñan sobre o contorno e os estilos de vida, dende unha perspectiva intersectorial que transcenda o meramente sanitario e que conte coa participación de diferentes actores sociais con capacidade de influír sobre as causas destas enfermidades.

Compartir: