EDUCACIÓN

Os escolares deseñarán o cartel do 50 aniversario da SD Compostela

06/03/2012 A Sociedade Deportiva Compostela cumpre 50 anos e, para celebralo, unha comisión organizadora está a preparar diversas actividades. A primeira delas será un concurso escolar de debuxo, que servirá para elixir a imaxe co cartel conmemorativo desta efeméride.

O concelleiro de Educación, Ángel Currás, presentou as bases do Concurso de Debuxo 50 Aniversario da SD Compostela, dirixido aos escolares de educación infantil e primaria do municipio. É unha boa oportunidade, segundo dixo, para que os máis pequenos empreguen a súa creatividade e se impliquen no recordo e rexurdimento do club. "É un bo momento para fixarse retos e implicar a cidade na defensa do equipo que tan dignamente representou a cidade durante moitos anos", indicou.

O presidente do comité organizador do 50 Aniversario da SD Compostela, Alfonso Castiñeiras, explicou as bases do concurso, no que poderán participar todos os centros de educación infantil e primaria de Compostela. Establécense dúas categorías, unha de 3 a 8 anos e outra de 9 a 12 anos. Os traballos poderán presentarse no Departamento de Educación entre o 7 de marzo e o 13 de abril.

De entre os carteis finalistas (un por cada categoría) elixirase o cartel gañador do concurso. O veredicto do xurado coñecerase nas instalacións de Área Central o venres 20 de abril. A entrega de premios terá lugar no mesmo recinto o venres 11 e maio. Os primeiros premios en cada unha das categorías consistirán en dúas estancias de fin de semana e entradas para visitar o Parque Warner (Madrid), catro entradas ao Museo do Real Madrid e catro abonos para a temporada 2012/13 da SD Compostela. Os segundos premios serán vales d compra de 100 euros en Área Central e catro abonos.

Este concurso é o punto de partida a unha serie de actos previstos durante o ano para celebrar o 50 aniversario da SD Compostela. Segundo avanzou Castiñeiras, entre os obxectivos do comité organizador está por en marcha un concurso de escaparatismo e unha exposición de fotografías e material histórico do club; celebrar un partido ou editar un libro conmemorativo. Entre as ideas, expresada polo propio alcalde, Xerardo Conde Roa, está tamén a celebración dunha festa popular. E precisamente a proposta do rexedor municipal, xa é realidade a asignación do nome da SD Compostela a unha rúa en San Lázaro.

Tamén interveu na rolda de prensa o xerente de Área Central, Juan Carlos Losada, quen afirmou que "sempre haberá un oco no corazón de Área Central" para o Compostela. O centro comercial acollerá do 20 de abril ao 11 de maio unha exposición cos mellores carteis presentados ao certame.

Apertura do prazo de admisión no curso escolar 2012/13
O concelleiro de Educación, Ángel Currás, aproveitou a rolda de prensa para anunciar a posta en marcha do proceso de admisión para o vindeiro curso escolar para o alumnado de 2º ciclo de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. As instrucións e a documentación estarán dispoñibles nesta web municipal.

Compartir: