ALCALDÍA

O Concello de Santiago tende pontes empresariais entre Galicia e Sudán

06/03/2012 O alcalde compostelán, Xerado Conde Roa, reuniuse en Raxoi cunha delegación da gobernación de Al-Qadarif (Sudán), composta polo ministro de Obras e Infraestruturas, Mohamed Al-Tayeb, e o ministro de Agricultura, Mamoun I. Dawelbeit. Tamén participou o administrador da empresa Espina Obras Hidráulicas, Antonio González Espina.

Na reunión falouse do proxecto grazas ao cal se construirá en Santiago elementos para unha planta de abastecemento de auga para Sudán, valorada en máis de 45 millóns de euros. Esta iniciativa permitirá crear postos de traballo durante varios anos na factoría compostelá de Espina Obras Hidráulicas.

Conde Roa indicou tras a reunión que as autoridades sudanesas lle transmitiron a súa intención de establecer relacións de cooperación con Galicia, especialmente no ámbito empresarial e en campos como a auga, a minería ou a agricultura. Neste sentido –indicou ou alcalde- dende o Concello explicóuselles as diferentes posibilidades de inversión existentes.

Unha mostra destas colaboracións é a elección dunha empresa compostelá como Espina para a construción dunha estación de bombeo de auga potable para o estado de Al-Qadarif. Esta firma xa mantiña relacións con Sudán, país onde ten presenza e no que xa está desenvolvendo outra planta potabilizadora, neste caso na capital, Jartum.

Documentos relacionados



Compartir: