ALCALDÍA

O alcalde compostelan salienta o importante papel dos parlamentos autonómicos no fortalecemento da democracia

05/03/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibiu os presidentes dos Parlamentos autonómicos, que están en Santiago con motivo da reunión plenaria anual da Conferencia de Presidentes dos Parlamentos (COPREPA).

Conde Roa apuntou na súa intervención ante os presidentes dos parlamentos autonómicos que aínda "é posible que aínda nos atopemos cun segmento da sociedade que non acabe de valorar ou de recoñecer, en toda a súa dimensión, a importantísima función dun parlamento autonómico". Por iso, lanzoulles o reto de lograr este recoñecemento "precisamente nun momento no que a política e as súas institucións se contemplan cun preocupante recelo".

Animou os titulares das cámaras autonómicas a traballar por este recoñecemento, a fin de que os cidadáns constaten que grazas aos parlamentos autonómicos se fortalece a democracia". "Grazas aos parlamentos autonómicos, o poder lexitímase máis, contrólase mellor e estimúlase a acción dos gobernos", engadiu.

O alcalde falou tamén da estreita relación de Santiago de Compostela co Parlamento galego, recordando que "as primeiras sesións se celebraron aquí enfrente, no Pazo de Xelmírez. Posteriormente, mantivemos esa relación de inmediata vecindade cando o Parlamento se trasladou aquí ao lado, ao Pazo de Fonseca. E hoxe por hoxe, a cidade –capital que é de Galicia- segue acollendo a cámara autonómica nun edificio que simboliza a transformación da cidade e do país".

Pola súa parte, a presidenta do Parlamento de Galicia falou dos parlamentos como xeradores de "valores permanentes e universais", como o respecto aos dereitos humanos, a diversidade nas súas diferentes manifestacións –ideoloxía, relixión, procedencia xeográfica ou xénero-, a integridade da persoa, o esforzo individual ou a cooperación desinteresada na busca do ben común.

A titular do lexislativo galego tivo tamén palabras de agradecemento para o alcalde de Santiago, pola acollida brindada aos participantes no Plenario da COPREPA, unha actitude que, a xuízo de Pilar Rojo, "pon de manifesto o aprecio e a lealdade" que a Conde Roa lle merece unha Cámara da que formou parte durante catro lexislaturas.

Tras as intervencións, os presidentes asinaron no Libro de Honra. Deixaron a sua firma, por esta orde, os titulares dos Parlamentos de Galicia, País Vasco, Cataluña, Murcia, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Navarra, Extremadura, Baleares e Castela e León.

Documentos relacionados



Compartir: