ALCALDÍA

Campaña para concienciar aos máis novos sobre a importancia do aforro da auga

05/03/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e os concelleiros de Medio Ambiente, María Castelao, e Educación, Ángel Currás, asistiron no CEIP Cardeal Quiroga Palacios á presentación dunha campaña autonómica de sensibilización sobre o uso da auga dirixida aos nenos de seis a dez anos. Informaron da mesma os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez.

O CEIP Quiroga Palacios é un dos 40 centros escolares galegos que participan nesta campaña, realizada pola Xunta en colaboración coa Fundación Mapfre. O obxectivo desta iniciativa é completar a educación dos nenos na importancia do aforro da auga na súa vida cotiá e fomentar aptitudes e actitudes responsables co uso deste recurso. Trátase de contribuír de xeito indirecto a mellorar os hábitos do núcleo familiar dos nenos, propiciando un cambio cultural sobre o uso sostible da auga na sociedade.

Este colexio compostelán contempla no seu programa a educación ambiental, ao pertencer á rede de centros da Axenda 21 escolar de Galicia, polo que pon especial énfase na participación activa do alumnado para a realización de accións de mellora. Así, os rapaces responsabilízanse progresivamente e encárganse de transmitir os valores ambientais aos seus compañeiros máis pequenos: os de 5º de primaria son os responsables das ecopatrullas e os de 6º de primaria realizan periodicamente labores de divulgación nas aulas dos máis pequenos.

A campaña comprende a celebración de talleres de sensibilización de prácticos. Ademais, editáronse 8.000 cómics con contidos elaborados por especialistas en educación, psicólogos, responsables do programa Axenda 21 escolar e técnicos de Augas de Galicia. Estas historietas repartiranse a cada un dos nenos participantes nos obradoiros.

Compartir: