TRABALLO

Máis de 120 persoas xa formalizaron a súa inscrición na xornada técnica "Xestión enerxética como nicho de emprego"

04/03/2012 A Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego organiza a xornada técnica Xestión enerxética como nicho de emprego, en colaboración co Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e coa empresa de certificación European Quality Assurance (EQA). Celebrarase mañá luns, 5 de marzo, a partir das 15:30 horas, no edificio do Cersia, en San Lázaro.

Esta xornada, de asistencia gratuíta, está dirixida a persoal técnico que queira coñecer as posibilidades de traballo para a optimización dos recursos enerxéticos en empresas, vivendas e administracións. Ata o momento xa se inscribiron 120 persoas. A inscrición permanecerá aberta ata as 12:00 horas do luns 5 de mazo.

Nesta sesión tratarase de abordar o modelo enerxético actual, o impacto ambiental das medidas previstas no contexto europeo, as oportunidades empresariais que levan consigo e o marco legal onde se aplicarán. Tamén se expoñerán as axudas que existen neste proceso de transformación enerxética e a súa influencia na xeración de emprego e na formación en técnicas de eficiencia enerxética.

Programa
A xornada técnica comezará coa recepción dos participantes. A continuación, ás 16:00 horas, serán presentados os contidos nunha sesión na que participará a concelleira de Emprego, Paula Prado. A primeira das conferencias xirará en torno ao Impacto socioeconómico do sector da eficiencia enerxética en España, a cargo de Rosario Mañas, asociada de Garrigues Medio Ambiente.

A continuación intervirá a xefa da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do INEGA, Paula Uría, quen falará sobre Eficiencia enerxética en Galicia: estado actual e instrumentos de promoción. A terceira das charlas impartiraa o director técnico de Kurage Consulting S.L e versará sobre Auditoría enerxética como ferramenta de xestión. Finalmente, falará o director técnico de EQA, Emilio Luján, nunha sesión titulada Requisitos de certificación. ISO 50001. Explicacións da norma.

Día Mundial da Eficiencia Enerxética
Mediante a resolución 65/151, do 16 de febreiro de 2011, Nacións Unidas proclamou o ano 2012 como Ano Mundial da Enerxía Sostible para Todos. Con esta, preténdese concienciar á Sociedade de que mil cincocentos millóns de persoas carecen de electricidade e máis de tres mil millóns de persoas non teñen acceso a servizos enerxéticos modernos. O acceso á enerxía é esencial para o desenvolvemento dos países máis pobres. A implantación de sistemas de consumo eficiente da enerxía que reduzan o impacto sobre o cambio climático e permitan o desenvolvemento dos países menos favorecidos é outro dos argumentos que propiciou esta declaración.

Todos os anos, o 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Esta celebración ten as súas orixes na primeira conferencia internacional de Eficiencia Enerxética celebrada en Austria no ano 1998, onde máis de 350 expertos e líderes de 50 países discutiron estratexias para enfrontar a crise enerxética e abordar posibles solucións. Mediante o fomento da eficiencia enerxética non se pretende renunciar á calidade de vida actual, senón a conseguir o mesmo nivel cunha menor utilización de recursos e un mellor aproveitamento destes.

Documentos relacionados



Compartir: