EDUCACIÓN

Os pequenos das cinco escolas infantís de Compostela e as súas familias coñecen a Escola Municipal de Música

03/03/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, visitou a Escola Municipal de Música con motivo da xornada de portas abertas que o centro celebrou para dar a coñecer a súa oferta educativa ás familias dos nenos e nenas das escolas infantís da cidade.

Dentro da programación da Escola Municipal de Música para este curso escolar, púxose en marcha un novo proxecto educativo co obxectivo de promover o achegamento da música aos rapaces das escolas infantís de Conxo, Fontiñas, San Roque, Tambre e Tras Parlamento. Nesta ocasión estase a traballar nun programa de educación musical que leva por título Os cantos do país do xeo.

As actividades que se están a desenvolver arredor deste proxecto inclúen un ciclo de concertos en cada escola que favorece a práctica musical a través de contos, cancións, xogos ou obradoiros de instrumentos. Así mesmo, préstase unha especial atención á participación das familias, con actividades coma este concerto na Escola Municipal de Música. Todas estas familias con nenos a partir de 2 anos estaban convidadas a coñecer as instalacións desta institución educativa musical e o programa pedagóxico davmesma.

Tamén están previstas dúas actividades máis para a participación das familias en dous espazos de referencia cultural da cidade: na Galería Sargadelos (rúa Nova, 16), o sábado 10 de marzo, ás 12:30 horas, e na Fundación Torrente Ballester (rúa do Vilar, 7-9), o sábado 17 de marzo, tamén ás 12:30 horas.

Compartir: