ALCALDÍA

A Xunta Local de Seguridade volverá reunirse despois de 25 anos

01/03/2012 O delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, realizou a súa primeira visita institucional ao Concello de Santiago, onde foi recibido polo alcalde, Xerardo Conde Roa. Tras este encontro inicial anunciaron a convocatoria da Xunta Local de Seguridade, que se reunirá en Raxoi o luns 12 de marzo.

Conde Roa explicou que esta Xunta Local de Seguridade se convoca por primeira vez dende 1987. Considerou necesario que este órgano teña unha "función importante e contido" para mellorar a coordinación entre a Policía Local e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Tamén participarán na mesma determinados sectores sociais. As súas reunións serán semestrais, se ben se poderán convocar en calquera momento cando así a requirimento dos membros ou ante determinados acontecementos especiais.

O delegado do Goberno situou esta convocatoria no clima de colaboración e cooperación que o Estado vai manter co Concello de Santiago. "Nestes momentos a colaboración e a cooperación é obrigada para atender dende as administracións as demandas cidadáns", dixo.

Competencias
A Xunta Local de Seguridade ten como unha das súas competencias establecer as formas e procedementos para unha coordinación e cooperación eficaz entre os distintos corpos de seguridade. Tamén se encarga de arbitrar fórmulas que garantan o intercambio fluído de toda a información que puidera ser relevante para a seguridade cidadá e o normal desenvolvemento da convivencia no ámbito local entre os devanditos corpos de seguridade.

Outra das funcións deste órgano é promover a cooperación cos distintos sectores sociais, organismos e institucións con incidencia na seguridade cidadá do municipio. Así, valorará a opinión destas entidades sociais sobre problemas relacionados coa seguridade e a convivencia, a fin de integrar na actuación pública as preocupacións e opinións do tecido social do municipio.

Esta primeira reunión de constitución da Xunta Local de Seguridade servirá, entre outros asuntos, para aprobar a constitución dunha Comisión de Coordinación Policial e dunha Comisión Técnica para Plan Local de Seguridade.

A preguntas dos xornalistas sobre o consumo de alcohol en lugares públicos, o alcalde indicou que foi unha das cuestións sobre a que demandou a cooperación da Policía Nacional coa Policía Local no marco das súas respectivas competencias. Neste sentido, indicou que "vai mellorar a colaboración".

Documentos relacionados



Compartir: