MOBILIDADE

Entra en servizo o cuarto taxi adaptado

27/02/2012 As persoas con mobilidade reducida teñen á súa disposición un novo taxi adaptado. E o cuarto destas características que entra en servizo, avanzando cara a esixencia legal de ter como vehículos accesibles o 5% do total da flota antes de 2017. Co número actual de vehículos, 147, deben ser obrigatoriamente sete os adaptados para esa data.

Atendendo á invitación da Asociación de Taxistas de Compostela, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e o concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Albino Vázquez, asistiron á presentación na praza do Obradoiro deste novo taxi adaptado. O edil explicou que progresivamente irán entrado en servizo os tres restantes para chega á cifra legal esixida, se ben indicou que, de existir demanda, os propios taxistas poden solicitar a adaptación dos seus vehículos e así adiantarse a esa data.

O vehículo posto en servizo permite o acceso sen dificultade en cadeira de rodas. Así o indicou o presidente da Asociación, Jesús Pena, quen recordou que os usuarios unicamente teñen que chamar a Radiotaxi para solicitar este tipo de taxi. Indicou que adaptación do vehículo ten un custo aproximado de 12.000 euros, se ben o titular conta para estes casos cunha subvención autonómica.

Peonalización
Albino Vázquez aproveito este acto para anunciar que, tras as conversas mantidas coas asociacións de comerciantes do Ensanche, acordouse constituír unha mesa de traballo para seguir avanzando nas probas de peonalización en determinadas rúas do Ensache. Dixo que se traballará xa sobre rúas e datas concretas para este proceso de por en marcha "rúas de preferencia peonil". Así as definiu, lembrando que si se permitirá o paso do transporte público e dos residentes.

"Tanto nós como os comerciantes temos claro que é positivo para a cidade", apuntou o concelleiro, pero defendeu que estas peonalizacións "non poden ser esporádicas", senón que hai que "crear uns hábitos de mobilidade".

Sobre as rúas nas que por en marcha este proceso, afirmou que estarán en "zonas onde exista estacionamento e circulación perimetral". Unha vez decididas estas rúas, engadiu, encargarase un estudo para avaliar o impacto da medida e a ordenación do tráfico necesaria. O edil agarda que para o verán poidan poñerse en marcha estas novas experiencias de peonalización no Ensanche.

Vehículos eléctricos no casco histórico
Preguntado pola posible introdución dos vehículos eléctricos no casco histórico, Albino Vázquez adiantou que o Concello vai participar nun proxecto europeo de fomento do uso do vehículo eléctrico. Este programa –indicou- ten unha dobre vertente: a instalación de electrolineras e a introdución dun vehículo eléctrico que puidera abastecer a establecementos comerciais e hostaleiros na améndoa histórica. Confía en que este vehículo puidera entrar en servizo en 2013.

Tamén se vai estudar a posibilidade de establecer un servizo de microbús eléctrico que circulara arredor da améndoa histórica, se ben considerou este proxecto "máis complexo" de levar a cabo nestes intres, por tratarse dun "vehículo de custo elevado".

Compartir: