URBANISMO

O Concello estuda co Consorcio de Santiago a apertura dunha liña de axudas para afrontar os gastos derivados da ITE

24/02/2012 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou as liñas básicas da Ordenanza reguladora da inspección técnica de edificios (ITE), aprobada inicialmente no último Pleno. Ademais, anunciou que o Concello está a estudar co Consorcio de Santiago a apertura dunha liña de axudas para as comunidades de propietarios, a fin de que estas poidan afrontar a inspección e, fundamentalmente, as obras necesarias no caso de que a ITE resulte desfavorable.

Todos os edificios de máis de 40 anos de antigüidade deberán someterse a esta inspección, que ten como obxectivo que os "propietarios se preocupen polo mantemento axeitado dos edificios e fomentar un labor de prevención para evitar un maior deterioro no futuro", indicou a concelleira. Na ITE avaliaranse aspectos como o estado da estrutura e da cimentación; ao estado das fachadas interiores, exteriores, medianeiras e outros parámetros; o estado de conservación de teitos e azoteas; o estado das redes xerais de fontanería, saneamento e protección fronte ao lume, ou o estado xeral dos elementos comúns.

Cada seis meses publicarase un listado cos edificios obrigados a pasar a inspección , segundo o seguinte calendario:
- Edificios anteriores a 1930, ata o 31 de decembro de 2012.
- Edificios entre 1930 e 1945, ata o 1 de xullo de 2013.
- Edificios entre 1946 e 1952, ata o 31 de decembro de 2013.
- Edificios entre 1953 e 1958, ata o 1 de xullo de 2014.
- Edificios entre 1959 e 1964, ata o 31 de decembro de 2014.
- Edificios entre 1965 e 1967, ata o 1 de xullo de 2015.
- Edificios entre 1968 e 1972, ata o 31 de decembro de 2015.

As inspeccións serán realizadas por técnicos externos (arquitectos e aparelladores), elixidos polas comunidades de veciños libremente. Non obstante, o Concello establecerá convenios cos colexios profesionais con fin de establecer unhas listas de profesionais aos que estas comunidades poidan acudir. Ademais, fixaranse uns prezos máximos para as ITE segundo o tipo de edificio a inspeccionar.

Procedemento
De acordo co listado e prazos establecidos, as comunidades afectadas deberán encargar a ITE. Realizada esta polo técnico externo e se resulta favorable, o inmoble rexistrarase no rexistro de edificios suxeitos a ITE. Esta inspección deberá realizarse cada 10 anos.

Se a ITE é desfavorable, deberase pedir licenza para a realización das obras pertinentes, para o cal se disporá de tres meses dende a presentación da ITE. Unha vez realizadas as obras, o edificio será inscrito no devandito rexistro. Co fin de que as comunidades de propietarios poidan afrontar os gastos destas obras, o Concello está a traballar co Consorcio de Santiago na apertura dunha liña de axudas.

Se a comunidade non presenta a ITE nas datas establecidas, requiriráselle para que o faga no prazo dun mes. De non facela tampouco, o Concello encargara esta inspección de modo subsidiario, cargando os gastos á comunidade.

Compartir: