CULTURA

Diamond Dogs presentan o seu novo álbum, "Set fire to it all", dentro do Compostela Rock

24/02/2012 Compostela Rock, nova aposta da Concellaría de Cultura ofrece o sábado 25, ás 20:30 horas na Sala Capitol, unha nova cita, desta vez cos Diamond Dogs e Sugar Mountain. Os Diamond Dogs, que nos presentan o seu novo traballo, Set fire to it all, chegan a Santiago capitaneados por dous dos guitarras máis importantes da súa historia: International Fred e Lars Karlsson. Os teloneiros, os galegos Sugar Mountain, presentan un amplo repertorio dos seus discos e novas cancións da súa próxima gravación. Máis adiante, chegarán da man deste ciclo a Compostela Cooper, Mark Lanegan+Creature with The Atom Brain, Toy Dolls e Leiva.

Neste 2012, os suecos Diamond Dogs cumpren vinte anos de carreira e celébrano facendo o que mellor saben facer: tocar cancións de rock ‘n’ roll. Set fire to it all é o título do seu novo álbum, no que podemos atopar colaboracións de membros de bandas como The Hellacopters, Dogs D’Amour, Johnny Thunders, Ian Hunter ou Hanoi Rocks. Con el demostran unha vez máis por que son un dos alicerces base do rock escandinavo. Xunto ao seu líder Sören "Sulo" Karlsso, o grupo sueco contará con Martin Tronsson ao baixo, Henrik "Duke Of Honk" Widen aos teclados, Magic Gunnarsson ao saxofón, Johannes Dran á batería e as guitarras de Fredrik "International Fred" Fagerlund e Lars Karlsson.

Sugar Mountain está formado por Yago Carreño (guitarra), Isaac Campos (órgano & pianos), Rubén Álvarez (baixo), Gonzalo Arca (voz), Laura Solla (guitarra) e Iván Trigo (batería). Presentan neste concerto en directo un amplo repertorio no que aparecen cancións do seu tres discos e novas cancións do que será a súa próxima gravación. Sons de raíces americanas aderezados con guitarras acústicas, riffs de guitarra eléctrica e unha base rítmica compacta. Atopámonos cancións urxentes como "Meet me" e "1964", influencias de bandas clásicas como os Stones e as Faces en Not Your Business, ou a elegancia de Tom Petty en baladas como "I Feel Down". Un estilo cada vez máis persoal demostrado en directo con cancións cheas de melodías luminosas e coidadas.

Venta de entradas
As entradas para este concerto, 15 € anticipada e 18 € na billeteira, poden mercarse na web de Novagaliciabanco, na rede Ticketmaster, incluída a súa web, Carrefour, FNAC, Halcón Viajes, Tendas Tipo, A Reixa Tenda, e www.salacapitol.com, así como nas billeteiras da Concellaría, no Teatro Principal, de martes a sábado e de 18:00 a 21:00 horas.

Compartir: