TURISMO

Santiago asiste á feira turística de Milán

15/02/2012 Turismo de Santiago estará presente entre o 16 e o 19 de febreiro na feira BIT de Milán, unha das citas fixas do calendario de promoción turística da empresa municipal, que lle permite contactar todos os anos cos máis importantes turoperadores italianos.

Durante a Borsa Internazionale dei Turismo, que convoca a uns 60.000 visitantes profesionais ao edificio da Fiera de Milano, a capital galega presentará aos profesionais italianos as novidades da oferta compostelá de turismo cultural, de peregrinacións, de congresos e idiomático, nun mercado que, coma o italiano, ocupa o terceiro lugar de orixe dos visitantes de Compostela e representa máis do 11% dos visitantes estranxeiros na oficina de turismo municipal.

Nesta edición, Turismo de Santiago asistirá o día 17 ao seminario I Cammini: una nuova prospettiva per il turismo europeo, organizado por Cammini d’Europa en colaboración co Touring Club, no que a empresa municipal compostelá participará como único relator non italiano nunha mesa redonda de autoridades e expertos turísticos. A cita servirá así mesmo para estreitar lazos cos responsables das peregrinacións do Vaticano, a Opera Romana Pellegrinaggi.

A oficina española de turismo en Milán ofrecerá ademais un seminario con importantes datos sobre turismo italiano que servirán á empresa municipal de turismo para a definición das estratexias de comercialización neste importante mercado. A isto engádense múltiples visitas "porta a porta" a turoperadores que xa emiten grupos a Santiago ou que desexan comezar a traballar neste destino.

Compartir: