RECOLLIDA DE LIXO

O Concello lanza unha campaña para fomentar o uso dos puntos limpos

14/02/2012 O concelleiro de Barrios, Servizo de Recollida de Lixo e Limpeza Viaria e Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, presentou unha campaña para fomentar o uso dos puntos limpos de Piñor (Figueiras) e do Polígono do Tambre. Repartiranse 25.000 imáns que informan da dirección e do teléfono destas instalacións, para que os cidadáns poidan solicitar de balde a retirada dos seus residuos voluminosos.

"Non teñen máis que chamar e en función do voluminoso a retirar fíxaselles unha data e hora de recollida", indicou Juan de la Fuente recordando aos cidadáns a posibilidade de usar este servizo de modo gratuíto. Para que teñan presente esta alternativa, o Concello repartirá 25.000 imáns, dos que 12.500 serán repartidos a través dos 48 centros socioculturais e outros 12.500 nos centros educativos do municipio.

O concelleiro considerou que esta sinxela campaña é a "mellor fórmula" para chegar aos cidadáns, entre os que afirmou que existe certo descoñecemento da existencia destes dous puntos limpos de Piñor e Tambre e da posibilidade de solicitar a retirada destes residuos voluminosos.

Aproveitando a rolda de prensa, De la Fuente recordou que o Concello co seu traballo de erradicación de vertidos incontrolados. Neste sentido, xa se impuxeron seis sancións a particulares: 2 en Casal, 2 en Aríns, 1 en Amio e outra en Vidán. Ademais, dixo, téñense realizado apercibimentos tanto a empresas como a particulares, por vertidos irregulares e tamén polo depósito do lixo en horarios e lugares non habilitados. Este é o caso de varios locais do casco histórico, se ben o edil indicou que neste caso si foron atendidos os avisos previos.

As sancións impostas ata o momento foron as mínimas contempladas, 600 euros. No caso de reincidencia, estas multas poden chegar ata os 3.000 euros para particulares e ata 6.000 euros nas infraccións de empresas. En calquera caso, o concelleiro apuntou que estas sancións se impoñen cando non queda outra opción e "en ningún caso con ánimo recadatorio".

Caseta queimada en Piñor
Precisamente nun dos puntos limpos sinalados, o de Piñor, foi queimada unha caseta propiedade do Concello que é utilizada pola concesionaria do servizo de recollida do lixo, Urbaser. Juan de la Fuente denunciou este "acto vandálico" e lembrou que xa anteriormente se intentara queimar noutras ocasións. O custo da reparación dos desperfectos será asumido pola compañía de seguros. A Policía está a investigar a autoría deste incendio.

Compartir: