ALUMEADO PÚBLICO

O Concello adopta medidas de aforro enerxético no alumeado público

20/01/2012 O concelleiro de Medio Rural, Alumeado Público e Abastecemento e Saneamento, Luis García Bello, deu conta dalgunhas medidas de aforro enerxético no alumeado público postas en marcha polo Goberno municipal e doutras que se instaurarán en 2012. O obxectivo é que, ao 5% de aforro no consumo xa conseguido, se sume outro 12%.

Bello explicou que a factura anual do alumeado público rolda os 2,7 millóns de euros. Para facer fronte a este "gasto insostible" en tempos de "precariedade económica", o seu Departamento xa aplicou unha serie de medidas de aforro, como a regulación e conseguinte redución do alumeado nos polígonos industriais de Boisaca, Tambre e Costa Vella, así como de todos os alumeados do medio rural que dispoñen de equipos de regulación. O horario de redución estableceuse entre as 22:00 e o apagado da iluminación ao amencer.

Outra medida foi a modificación no horario do resto de equipos da cidade, cun horario reducido dende as 22:30 horas ata o apagado da iluminación. Ademais, produciuse o apagado total a partir das 22:00 horas no tramo entre o polígono do Tambre e Xesteira, na zona verde peonil da avenida de Asturias, no alumeado de esculturas, fontes e muralla de Belvís, no estacionamento lateral de San Lázaro, no carril bici de Fontiñas e nos vieiros peonís secundarios do parque das Cancelas. Sobre esta área, recordou a "contaminación lumínica" existente e que se considera suficiente deixar o alumeado aceso nos vieiros principais.

Segundo indicou o concelleiro, estas medidas de aforro xa supoñen un aforro estimado de 700.000 vatios, isto é, un 5% sobre o total de 14 megavatios de consumo procedente do alumeado público. Tradúcese nun aforro de 84.000 euros ao ano.

Novas medidas en 2012
Xa cara 2012, realizaranse actuacións como a modernización do sistema de acendido do alumeado público do rural, instalando reloxos programadores na vez de células fotoeléctricas. Preténdese así que o alumeado público se acenda e se apague ás horas programadas, evitando consumos innecesarios. Luis Bello estimou necesario mercar uns 100 reloxos.

Nos parques públicos e zonas verdes, substituiranse as luminarias tipo globo de baixa calidade óptica e alta contaminación lumínica, cun elevado índice de fluxo no hemisferio superior, por outras de maior eficiencia e menor contaminación. Puxo como exemplo disto o parque Pablo Iglesias, en Vite, onde os farois de globo "distribúen máis a luz ás árbores que aos viandantes". Instalaranse luminarias de "copete" e aproveitarase para cambiar as lámpadas de 100 watios por outras de 25 vatios, de "menor consumo e maior duración".

Outra medida será a implantación de equipos de regulación de fluxo luminoso nas liñas de alumeado público dalgunhas zonas da cidade. E no rural cambiaranse as lámpadas de vapor de mercurio actuais por outras de maior rendemento, cunha eficiencia mínima de 75 vatios. Finalmente, no Casco Histórico, continuarase coa substitución dos farois denominados "composteláns" e dos seus equipos de acendido por outros con óptica de grande eficiencia, sempre respectando a tipoloxía. O concelleiro indicou que estes último cambio se fará "pouco a pouco", xa que cifrou nuns 400.000 euros o custo da súa total renovación destes elementos.

"Trátase de substituír pouco a pouco as luminarias e lámpadas de vapor de mercurio por outras de vapor de sodio, de maior eficacia e rendemento, así como a instalación de equipos redutores e estabilizadores de tensión, e así conseguiremos un importante aforro enerxético", resumiu Luis Bello.

En calquera caso, quixo deixar claro que "nunca se apagará a iluminación pública onde existan vivendas". Neste sentido, apuntou que "se hai algún corte de luz na vía pública será por cuestións meramente técnicas que se resolverán de inmediato comunicándollo aos técnicos municipais ou á empresa encargada do mantemento, Daviña, cuxa páxina web (www.davina.es) dispón dun apartado específico de avisos de avaría".

O concelleiro afirmou que se están revisando as instalacións de alumeado en todas as rúas, barrios e parroquias para detectar "onde hai deficiencias e onde exceso de luminarias". O obxectivo é "optimizar os recursos" e unicamente "gastar o razoable, o que necesitemos".

Documentos relacionados



Compartir: