ORZAMENTOS

Os orzamentos 2012 situaranse entre os 85 e os 90 millóns de euros e terán teito de gasto

27/12/2011 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, anunciou que os orzamentos municipais para 2012 aprobaranse previsiblemente a finais de xaneiro ou principios de febreiro, e non antes do 31 de decembro, como se estimaba inicialmente. Indicou que esta situación é unha "excepcionalidade", que obedece a un principio de "prudencia" á espera de ter máis datos sobre as medidas económicas e os ingresos do Estado.

Cecilia Sierra apelou á "prudencia" e á "exactitude" para retrasar a aprobación dos orzamentos. Así, dixo, o Goberno municipal quere coñecer primeiro a incidencia que puideran ter as medidas económicas do Executivo español, que "podería afectar ás entidades locais" e que a edil estima que se coñecerán o 30 de decembro. Ademais, "queremos agardar para cuantificar os ingresos dependentes do Estado". Neste sentido, recordou que os orzamentos españois se van a prorrogar e o "importante peso" que estes ingresos tiñan na contas de ingresos municipais.

Malia que os novos orzamentos do Estado non se prevé que estean aprobados ata o 31 de marzo de 2012, a concelleira indicou que se van solicitar datos do Ministerio para "amoldar" as contas municipais a estas previsións estatais. "Non queremos que nos pase como a outras administracións que terán que modificar os presupostos", indicou, insistindo en que esta prórroga orzamentaria é unha "situación excepcional".

Ademais, Cecilia Sierra incidiu en que esta prudencia é especialmente necesaria na "situación precaria" actual das contas locais. Así, recordou que se arrastra un remanente negativo de tesourería de 2010 de 2,6 millóns de euros, e que a débeda a longo prazo será a 31 de decembro de 55,9 millóns de euros. Tamén apuntou como cifras os 8 millóns de euros de previsión de amortización de pago da débeda de 2011, ou os 1,9 millóns de pagos de intereses.

Outro capítulo ao que se referiu a edil foi o da devolución da participación nos ingresos do Estado (PIE). Cifrou en 1,9 millóns de euros a parte correspondente ao PIE de 2008 e en 6,3 millóns a de 2009. Sumando a débeda financeira e o PIE –resumiu- "o importe total da débeda a pagar en 2012 será de 11,6 millóns de euros".

Axuste aos ingresos reais
Á hora de configurar os orzamentos de 2012, Sierra tamén lembrou a necesidade de axustarse a un contexto de "caída en picado" dos ingresos derivados do urbanismo, ou o os pagos por contratos de servizos, que supoñen 25 millóns de euros ao ano. Ante todo isto, cualificou de "delicada" a situación económica do Concello, polo que manifestou necesario "axustarnos á realidade dos ingresos".

Malia o aprazamento previsto, anunciou que o orzamento de gastos de 2012 se situará entre os 85 e os 90 millóns de euros. Como novidade, comunicou que "por primeira vez no Concello, os orzamentos terán un teito de gasto". Este fixarase "nunha porcentaxe non superior ao 5% sobre os capítulos do 1 ao 7, que son os que marcan os parámetros de estabilidade financeira".

Estes orzamentos tamén incluirán a amortización de varias prazas de funcionarios e tamén das prazas de asesores e dedicacións exclusivas xa anunciadas. Neste sentido, estimou un aforro de 250.000 euros no capítulo de persoal. Outra medida será o "control exhaustivo das horas extras, que ata agora se facían sen autorización previa dos servizos económicos e de fiscalización", dixo. Seguirase incidindo igualmente na minoración do gasto corrente, tal como se xa se vén realizando en todos os departamentos, con aforros que estimou de media entre o 15 e o 20%.

Control do gasto
A concelleira anunciou o establecemento dunha circular con "instrucións de gastos de obrigada observancia", co obxectivo de mellorar o control de gasto. Con esta mesma meta, "haberá anualmente unha orde de peche do exercicio". "Se podemos mensualmente e como mínimo cada tres meses, iremos vendo o estado de execución das partidas de gasto común do orzamento", explicou.

Finalmente, subliñou que malia a prórroga automática dos orzamentos de 2011, vaise facer un "control exhaustivo" da execución destes "para que non se gaste por riba do que logo se vaia aprobar no novo orzamento".

Compartir: