ECONOMÍA

Nace "Santiago Investors Support"

08/11/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou Santiago Investors Support, un programa prensado para paliar no posible e dende os recursos limitados do Concello os efectos da crise económica na cidade, a través do potenciamento do sector empresarial. A iniciativa ten como primeira acción un Plan de Formación Continua composto por dez cursos gratuítos. A edil estivo acompañada pola técnica municipal responsable de promoción económica, Carme Casado.

Santiago Investors Support ten tres obxectivos: impulso e mellora da competitividade empresarial e comercial, proxección exterior e captación de investimentos, e posta en valor e dinamización da actividade económica. Os públicos aos que se dirixe o programa son: persoas emprendedoras e inversores interesados en desenvolver proxectos empresariais no Concello; empresas e comercios xa asentados en Santiago; e persoal das empresas e comercios da cidade.

A primeira acción deste programa é o Plan de Formación Continua, que este ano se deseñou baixo dúas premisas. A primeira é ofertar unha serie de contidos prácticos e útiles centrados en procesos de xestión, administración, novas tecnoloxías e enerxías renovables. A outra é facilitar a participación nos mesmos a través da combinación entre actividades presenciais, que se desenvolverán no Cersia, e actividades de teleformación.

Os cursos que se ofertan, que xa teñen aberto o prazo de inscrición son: Cambio organizacional e xestión do coñecemento; Xestión empresarial básica; Marketing en Internet; Protección de datos; Habilidades sociais, resolución de conflitos empoderamento; Manipulador de alimentos; Web 2.0: impacto das redes sociais na empresa; Calidade na industria alimentaria; Seguridade alimentaria, manual de autocontrol; e Sensibilización ambiental: problemas globais e locais.

Os dez cursos ofertan un total de 185 prazas gratuítas. Están dirixidos preferentemente a persoas emprendedoras e persoal de empresas e comercios da cidade, aínda que, no caso de que non se cubrisen as prazas, admitiríanse persoas desempregadas. As inscricións poden facerse a través da web www.maiscompostela.org, onde se poden consultar tamén as datas de realización de cada curso, a súa metodoloxía e o número concreto de prazas.

Compartir: