CULTURA

O director da Banda municipal de Santiago dirixirá un concerto en Albacete

04/11/2011 O director da Banda Municipal de Música de Santiago, Xosé Carlos Seráns dirixirá a Banda Sinfónica Municipal de Albacete o domingo 6 de novembro de 2011, cun programa de música galega composto por obras do lugués Gustavo Freire, Luís Brage, compositor compostelán, e do propio Seráns.

Será no Auditorio Municipal de Albacete ás 12:00h, polo que esta semana a Banda Municipal de Santiago estará baixo a dirección do segundo director, Casiano Mouriño Maquieira, que realizará o concerto programado para o día 6 de novembro.

O Concerto do Auditorio Municipal de Albacete seguirá o seguinte programa: I Parte:
Lito (p.d.) de X. C. Seráns; Follas Novas (rapsodia galega) de L. Brage; Fantasía Rianxeira de X. C. Seráns. II Parte: Suite Catoira de X. C. Seráns; Non chores Sabeliña! (fantasía) de G. Freire; Esbozos Sinfónicos de X. C. Seráns.

Xosé Carlos Seráns
Nace en Riveira e comeza a súa andaina musical aos 11 anos na Banda de Música de Caamaño da man do mestre Francisco Olveira Santos, froito da afección á música do seu pai.

Aos 20 anos pasa a formar parte do Corpo de Bandas de Música da Armada, destinado na Banda de Música do Terzo Norte de Ferrol, onde toma contacto cos mestres Raúl Galán Cerveró e Francisco Jordá Biosca, cos que estuda a tuba. En 1987 gana por oposición libre a praza de tuba na Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela, compatibilizando tamén as funcións de xerente da mesma desde o ano 2000, e en 2009 é nomeado director da mesma.

Persoa comprometida coa música en Galicia, é impulsor de numerosos proxectos:
Escola de Música Municipal de Catoira (1988), Grupo de Metais de Santiago e Banda de Música de Catoira (1989), Cuarteto de Tubas Euphonium (1993), Banda Sinfónica de Galicia (1994), Grupo de Metais de Galicia (1995), Solfa, Asociación Cultural-Musical (1997), Coral Solfa de Fontiñas (1998), Banda Filharmónica de Galicia (2000), Escola Municipal de Música de Santiago (2002), Escola Municipal de Música de Ames, Gallaecia Orquestra (2004), A Nosa Clave (2005, 2006 e 2007), Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares (2005), Musigalizando, campamento musical (2007, 2008, 2009 e 2010)

Foi invitado pola Nova Orquestra Nacional de España (JONDE) para asistir ao I Curso de Tuba celebrado en Santiago en xullo de 1990 impartido polo mestre Harvey G. Phillips e realizou numerosos cursos de perfeccionamento de metais, composición e dirección de orquestra e banda. É autor de numerosas obras e arranxos orquestrais para banda de música e diversos grupos instrumentais, entre os que cabe destacar as súas composicións para coro e banda de música sobre poemas de destacados poetas galegos: Soneto á Terra Chá, de Xosé Chao Rego; Rosas e A Saleta, de Manuel María; Apreixar ou Vento, de Marta Dacosta, etc, así como adaptacións para banda sinfónica e coro de obras tan coñecidas como Negra Sombra de Rosalía de Castro ou Lela de Castelao.

Compartir: