ALCALDÍA

A Deputación achega á cidade de Santiago inversións por un total de 1,2 millóns de euros

02/11/2011 O alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, e o presidente da Deputación da Coruña mantiveron unha reunión de traballo na que foi a primeira visita institucional de Diego Calvo a Compostela e na que, ademais, se asinaron tres convenios para a promoción de distintas accións na cidade que ascenden a 480.000 euros. A maiores o ente provincial investirá 600.000 no Plan de Obras e Servizos e 150.000 no Fórum Gastronómico.

En dous destes acordos, destinados á promoción do turismo na área compostelá, a Deputación investirá 450.000 euros, dos cales 350.000 se destinarán ao financiamento do Plan de Competitividade Turística do Concello e 100.000 recibiraos a Asociación de Empresarios de Restauración e Hospedaxe para o seu proxecto "O Camiño Inglés para comelo, un camiño por descubrir".

O primeiro dos convenios, asinado por Diego Calvo e o alcalde da cidade, Xerardo Conde Roia, ten por obxecto a colaboración en todo o programa de actividades a desenvolver dentro do Plan de Competividade Turística. Inclúense aquí accións encamiñadas á promoción da cidade (congresos, feiras ou presentacións), á posta en marcha de diferentes paquetes turísticos ou ao investimento en publicacións tanto impresas como dixitais. En total, o orzamento destas actividades é de 437.500 euros, dos cales o 80% (un total de 350.000 euros) serán achegados directamente pola institución provincial e o resto polo Concello.

Non acaba aquí a colaboración da Deputación Provincial coa promoción turística na cidade, xa que Diego Calvo tamén asinou un convenio de colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago para financiar o proxecto de desestacionalización turística. O obxecto deste acordo é contribuír ao financiamento das actividades desta entidade, orzamentadas en 125.000 euros dos cales 100.000 serán achegados pola institución provincial.

Entre as actividades que contribuirá a custear a Deputación están diferentes accións promocionais do Camiño Inglés, como a organización dunha peregrinación conxunta no outono, a reedición dunha guía multimedia da ruta ou unhas xornadas gastronómicas e históricas do Camiño a celebrar durante o inverno.

Erradicación do chabolismo
Diego Calvo e Xerardo Conde Roia tamén asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración para financiar o programa municipal de erradicación do chabolismo e as infravivendas como expresión de marxinalidade na provincia.

A Deputación achegará un total de 30.000 euros para colaborar na retribución do persoal que traballa nos programas postos en marcha desde o Concello para a inclusión residencial da comunidade xitana ou usuaria de infravivendas que se atope actualmente inmersa nun proceso de reacollo ou rehabilitación.

Plan de Obras e Servizos e Fórum Gastronómico
Ademais de asinar o tres convenios de colaboración, a reunión entre Diego Calvo e o alcalde santiagués tamén serviu para que ambos falasen dalgúns proxectos pendentes e, entre outras cuestións, falaron da achega do Plan de Obras e Servizos da Deputación en Santiago, que ascende a 600.000 euros, e da colaboración na próximo edición do Fórum Gastronómico, que será de 150.000 euros.

O alcalde compostelán agradeceu profundamente a colaboración da Deputación da Coruña xa que o feito de que "faga este esforzo ten un significado especial dadas as dificultades orzamentarias do Concello". Segundo Conde Roa as achegas do ente provincial, que ascenden a 1.200.000 euros, son unha "demostración do compromiso da Deputación e do seu presidente coa cidade de Santiago". Pola súa banda, Diego Calvo declarou estar "especialmente satisfeito da firma destes convenios, sobre todo porque un deles contribuirá a algo moi importante, que é a desestacionalización do turismo en Santiago, un dos puntos máis importantes deste sector en Galicia", e engadiu que, no futuro, a colaboración co Concello de Santiago seguirá sendo "moi activa".

Parque de Bombeiros
Preguntado na comparecencia antes os medios sobre o parque de bombeiros, o rexedor compostelán indicou que o Concello vai retomar o asunto para darlle unha "solución racional". Segundo Conde Roa, é urxente buscar unha saída para o edificio paralizado en Salgueiriños; "se pode ser como parque comarcal de bombeiros, excelente, e senón haberá que buscar outra solución, por exemplo como parque municipal de Santiago". De tódolos xeitos, o alcalde sinalou que é unha cuestión que depende das dotacións orzamentarias do Concello, Deputación e Xunta de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: