ALCALDÍA

O alcalde avoga por traballar para que Lavacolla se posicione como a mellor alternativa de transporte nacional e internacional

26/10/2011 O rexedor compostelán, Xerardo Conde Roa, inaugurou as xornadas aeroportuarias que organizan conxuntamente o Concello e a Cámara de Comercio e que teñen por obxectivo coñecer o funcionamento do sistema aeroportuario galego e, especialmente, as novas potencialidades do aeroporto de Lavacolla, trala entrada en funcionamento a pasada semana da nova terminal. As conferencias están dirixidas aos empresarios de Compostela e comarca e ao público en xeral.

O primeiro do relatorio estivo a cargo do presidente de Aeropuestos Españoles y Navegación Aérea (AENA), o santiagués Juan Lema Devesa. Ofreceu unha conferencia titulada "O novo modelo de xestión aeroportuaria e a reforma do sistema de navegación aérea", onde describiu a nova filosofía de AENA como un organismo público-privado.

O encargado de abrir o acto foi o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, que salientou que "o noso obxectivo está claro: traballar estratexicamente para que o aeroporto internacional de Lavacolla se posicione como a mellor alternativa de transporte nacional e internacional sen renunciar a nada e esforzándonos por situarnos á vangarda dunha nova forma de entender o feito de voar".

Conda Roa quixo facer fincapé en que "por todos é coñecida a importancia que o aeroporto de Santiago ten no noso sistema de transporte, sistema que necesita de innovacións permanentes que melloren non só a xestión das infraestruturas senón tamén e sobre todo que innove na xestión da mobilidade dos viaxeiros. Unha nova xestión que permita achegar non só cidades e continentes senón tamén que conecte de forma cómoda e rápida as cidades galegas coa súa terminal de Lavacolla. Teríamos que pensar o aeroporto máis aló das súas instalacións e acercalo aínda máis á cidade. Acercalo fisicamente, cun metro lixeiro ou unha parada do AVE, e acercalo funcionalmente podendo calquera viaxeiro facturar a súa equipaxe desde a futura intermodal que se construirá no centro compostelán aforrándose incomodidades e permitindo ter máis tempo para desfrutar da nosa cidade".

Seguintes xornadas
A segunda xornada estará dirixida polo piloto Eduardo Gavilán Pimentel, do Colegio Oficial de Pilotos de la Aviación Comercial (COPAC), que desenvolverá un relatorio sobre a operatividade actual do aeroporto de Lavacolla. A cita será o día 10 novembro, ás 19:30 horas.

E finalmente, o ciclo pecharase co relatorio de Salvador Curcoll, conselleiro de Gestió i Promoció Aeroportuària, S.A. (GPA). Será o vindeiro 24 de novembro, ás 20:00 horas. Na súa intervención, "O potencial do aeroporto de Lavacolla e a súa repercusión na conectividade aérea de Galicia", Curcoll dará a súa visión sobre como comercializar o aeroporto de Lavacolla como un produto en si mesmo, potenciando as súas capacidades e expandindo o número de compañías aéreas e novas rutas.

Lavacolla, posicionamento líder
A Cámara de Comercio de Santiago, que amosou sempre o seu respaldo institucional a Lavacolla, considera que a nova terminal e os crecementos relevantes deste ano en viaxeiros deben marcar un punto de inflexión com aeroporto principal
de Galicia, destinado a ser unha plataforma única para a promoción turística da comunidade con novas rutas e compañias. Por tanto, a entidade defende que Lavacolla é o único aeródromo galego que pode manter un posicionamento líder, beneficioso para toda Galicia, por centralidade, dotación, sistemas de axuda á navegación e comunicacións terrestres con toda a comunidade, considerando ademais a vindeira construción da futura estación intermodal de Santiago.

Compartir: