ALCALDÍA

Cidades Patrimonio e o Ministerio de Cultura establecen un cauce de colaboración mutua en defensa do patrimonio

25/10/2011 O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, e a subsecretaria de Estado do Ministerio de Cultura, Mercedes del Palacio, subscribiron un acordo para establecer un cauce de colaboración "estable e concreto" entre o Goberno de España e as trece cidades que conforman o grupo, de maneira que o Executivo se convirta no seu interlocutor ante institucións como a UNESCO ou o ICOMOS.

O convenio rubricado hoxe na Sala Capitular do Concello de Toledo co alcalde desta cidade, Emiliano García-Page, como testigo do mesmo, ten por obxecto a colaboración entre o Ministerio de Cultura e o GCPHE na defensa conxunta do patrimonio histórico e cultural das trece cidades patrimonio españolas.

O acordo conleva a constitución dunha comisión mixta de seguemento entre o grupo e o Goberno central para a busca de solucións a problemas comúns das cidades patrimonio da humanidade e que estará presidida polo titular da Dirección General de Bellas Artes y Bienes Culturales do Ministerio de Cultura.

A partir desta comisión mixta estableceranse políticas de intercambio de información sobre temas afíns e iniciativas relacionadas coas cidades patrimonio, fomentaranse consultas sobre a protección patrimonial e promoveranse propostas e proxectos para a conservación e a promoción cultural do grupo.

O presidente actual do grupo, Xerardo Conde Roa, cualificou este acordo coma un "paso fundamental" nas relacións das cidades patrimonio e o Goberno de España, así coma un "cauce de colaboración estable e concreto". Pola súa banda, a subsecretaria de Estado do Ministerio de Cultura, Mercedes del Palacio, comentou que este convenio posibilitará que o Goberno ofreza "especial consideración, tutela e coidado" ás trece cidades do grupo porque son "a elite da elite" do patrimonio histórico e cultural de España. Del Palacio recoñeceu que as cidades patrimonio son un "especial foco de atención e por iso asegurou que o Ministerio terá o máximo interese en levar a cabo unha promoción conxunta das mesmas "no marco do desenvolvemento sostible".

Compartir: