ALCALDÍA

O Concello estudará o proxecto dos tratantes para a xestión do mercado de gando de Amio

21/10/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e a concelleira de Mercados, Reyes Leis, mantiveron unha nova reunión cos tratantes de gando e coa concesionaria para falar do futuro do mercado de Amio. As partes citáronse para outra xuntanza nuns días para dar conta do falado polo Concello coa concesionaria e para que os gandeiros presenten o seu proxecto de xestión do recinto.

Segundo explicou a concelleira Reyes Leis, "a vontade por ambas partes é boa". O Concello púxolles as dúas posibilidades sobre a mesa, a do traslado e a ofrecida por eles asumir a xestión do mercado. "Eles ven que poden chegar a facerse cargo de Amio", indicou, polo que por unha parte habería que "negociar coa concesionaria" e, por outra, "eles teñen que ver os números de Amio". "A nós non nos parece mal a súa proposta sempre que sexan conscientes das cifras que van asumir", engadiu o alcalde ao respecto.

Por todo isto, os tratantes quedaron convocados para dentro duns días, para "comunicarlles nós o que teñamos falado coa concesionaria e para que eles nos presenten o proxecto definitivo de sentarse como concesionaria". Neste sentido, explicou que habería que buscar a fórmula para rescatar a concesión e un modelo previsto pola lei para que os gandeiros puideran asumir a xestión. Indicou que, de non ter capacidade os gandeiros para facerse cargo como persoas xurídicas da xestión, "teriamos que ver a opción do peche".

Sobre o expediente aberto á concesionaria, Reyes Leis xustificouno porque "non está cumprindo co seu contrato", recordando que non se realizara o mantemento nin os investimentos necesarios. "Eles alegan que están dende abril, pero dende entón non se fixo nada e agora parece que comezaron a facer algunha pequena reforma, pero iso non exime do non feito".

Documentos relacionados



Compartir: