ECONOMÍA

Santiago acolle o 10 e 11 de novembro as III Xornadas Internacionais de Coaching

18/10/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou a terceira edición das Xornadas Internacionais de Coaching, que se celebrarán os días 10 e 11 de novembro no edificio municipal Cersia. A concelleira estivo acompañada por un dos organizadores do evento, Daniel Álvarez, e Jacobo García, de Bic Galicia.

O "coaching" é un proceso formativo no que, a través dun "adestramento" específico dirixido por un "coach", desenvólvense unha serie de habilidades nos participantes. No "coaching" existen diferentes metodoloxías ou tipos que poden aplicarse a diferentes ámbitos, entre eles o empresarial. Precisamente, as xornadas teñen coma un dos seus obxectivos facilitar a empresarios e directivos un coñecemento amplo sobre as posibilidades que proporciona, para saber por onde comezar a implantalo en cada empresa.

O programa das xornadas conta coa presenza dun dos expertos máis importantes no mundo, Robert Dilts. Será nun Workshop titulado Superando límites, no que durante catro horas de traballo amosará as ferramentas e competencias chave para localizar e conxurar aqueles elementos que non permiten que as persoas vexan a realidade dunha forma máis eficaz, permitindo así que melloren o seu autocoñecemento, o proceso de toma de decisións e as capacidades comunicativas.

O programa conta ademais cun escollido abano de profesionais de nivel internacional como Hilde Jaspaert (Bélxica), Mavi Oliva Vallejo (México), Gonçalo Gil Mata (Portugal), Tim Bowler (Gran Bretaña) ou a directora de Bic Galicia, Maite Cancelo. As xornadas rematarán coa participación dun dos xornalistas galegos de maior prestixio, Fernando Ónega, coa conferencia A arte de contar a información sen esquecer a alma.

A inscripción ás xornadas pode facerse a través de www.xornadascoaching.es. A páxina oficial de Robert Dilts é www.nlpu.com.

As Xornadas Internacionais de Coaching están organizadas por Approaching (Asociación de Profesores e Profesionais do Coaching e Mentoring de España) e a empresa de Santiago Qcoach, e contan coa colaboración do Concello de Santiago e a Xunta de Galicia.

Compartir: