DEPORTES

Boa parte da elite mundial do squash volve a reunirse en Santiago de Compostela

10/10/2011 A pista de cristal instalada no centro comercial Área Central acollerá do 17 ao 22 de outubro a quinta edición do Torneo Internacional PSA e WISPA "Camiño de Santiago". Ademais, este ano celébrase o Campionato de España Absoluto do 14 ao 16 de outubro.

Serán 11 días de competición nos que participarán 200 xogadores, algúns deles situados nos primeiros postos da clasificación mundial nas categorías masculina e feminina. Entre estes está o compostelán Borja Golán, actual número 36 do mundo. O primeiro cabeza de serie na categoría masculina será o británico Adrian Grant, número 17 do mundo, e o segundo o sudafricano Stephen Coppinger, número 33. Na categoría feminina, entre outras, estarán en Compostela a número 44 do mundo, a sudafricana Siyoli Waters, e a 56, a canadense Alexandra Norman. Ao torneo acoden xogadores e xogadoras de 20 países diferentes.

Este é o torneo máis importante de squash que se realiza España, e un dos máis importantes de Europa, segundo indicou Manuel Cornes, presidente do Squash Club Santiago, organizador da proba. Para este club tivo palabras de agradecemento o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, así como para os patrocinadores desta proba. Cara o futuro, manifestou o "compromiso absoluto" do Concello con este torneo.

O edil expresou o seu desexo de que os representantes locais, Borja Golán e Carlos Cornes realicen un bo papel no torneo. Así o desexou tamén o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, quen indicou que este torneo xa se ten convertido nun "patrimonio para os santiagueses".

Ademais dos mencionados, estiveron na rolda de prensa de presentación da competición, entre outros, a concelleira de Turismo, Reyes Leis; o presidente da Federación Española de Squash, Rogelio Chantada; o director do torneo, Jesús Souto; e o xogador Borja Golán.

Direcciones relacionadas



Compartir: