CULTURA

"Soños de Chequia" traerá a Compostela en novembro o mellor da cultura checa

06/10/2011 A República Checa será a protagonista do fin de semana do 4 ao 6 de novembro en Compostela. O programa Soños de Chequia traerá o mellor da cultura checa á nosa cidade a través de concertos, jam sessions, cata de produtos, cinema e exposicións.

Para presentar o avance do programa estiveron en Compostela o director do Festival, David Dittrich, e o responsable artístico do mesmo, Aleš Březina, que deron una rolda de prensa acompañados do concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou. O programa está organizado polo Ministerio de Cultura checo, o Concello de Santiago e o Consorcio e conta coa colaboración da Embaixada da República Checa en España e do Centro Checo de Madrid.

A que chega a Compostela é xa a terceira edición deste proxecto cultural europeo Czech Dreams (Soños de Chequia), que ten entre os seus obxectivos a presentación dos principais artistas e músicos checos polo mundo, así como o apoio á cooperación entre as cidades checas e doutros países de Europa, e establecer ou fortalecer as relacións entre as institucións culturais e educativas checas cos seus colegas europeos. Nesta edición estarán en 100 vilas e cidades de 19 países diferentes, sendo Compostela a primeira cidade de España na que participan.

A selección de concertos realizada para este especial fin de semana de cultura checa en Santiago de Compostela é sen dúbida unha das presentacións máis amplas e variadas realizada por Czech Dreams nesta edición de 2011. Ademais dos catro concertos principais nos que se poderá escoitar música clásica, jazz, música sacra, música popular ou swing interpretada por algúns dos máis reputados artistas checos, haberá outras actividades paralelas sobre cine (incluído cine para nenos), exposicións, jam sessions e mesmo a degustación de viño e outros produtos gastronómicos checos.

Programa musical
O programa, que se presentará máis pormenorizadamente nos vindeiros días, ten como prato forte a música. Inaugurase o venres 4 no Teatro principal cun concerto do Zuzana Lapcíková Quinteto baixo o nome A fusión do jazz e a música popular morava. Xa o sábado, nunha igrexa aínda por confirmar, teremos un concerto de música sacra co Collegium 1704 e o Collegium Vocale 170 ás 19:00 h e xa ás 21:00 h, de novo no Teatro principal, concerto con Ondrej Havelka & his Melody Makers baixo o nome Swing e jazz, Rapsody in blue, onde estará Karel Kosárek ao piano. O domingo pecharase o programa cun concerto de novo de Kosárek baixo o nome O piano, Chequia e Bohemia, ás 13:00 h na igrexa da Universidade.

Documentos relacionados



Compartir: