CULTURA E CENTROS SOCIOCULTURAIS

+ Curtocircuíto leva as súas curtametraxes ao Auditorio e distintos centros socioculturais

27/09/2011 Ponse en marcha a sección +Curtocircuíto, coa que se completa a VIII edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, que organiza a Concellería de Cultura. Nesta sección proxectaranse no Auditorio de Galicia e en distintos centros socioculturais as máis de 30 curtametraxes que formaron parte do Festival nas súas distintas seccións. Para presentala compareceron en rolda de prensa os concelleiros de Cultura e Centros Socioculturais, Ángel Currás e Francisco Javier Noya; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xosé Víctor Carou; e o director de Curtocircuíto, Tim Redford.

Levar as curtas que foron premiadas nas distintas seccións do Festival na VIII edición celebrada este ano aos distintos barrios de Compostela é o obxectivo principal desta derradeira parte do Programa de Curtocircuíto. Así, poderán verse as curtametraxes no Auditorio de Galicia e nos centros cocioculturais de Vite, Fontiñas, O Ensanche, O Castiñeiriño e Conxo.

O calendario de Proxeccións de + Curtocircuíto, comeza este martes 27, ás 20:30 horas, no Centro Sociocultural de Vite, e nela proxectarase o palmarés do festival deste ano 2011, as curtas gañadoras das distintas seccións do Festival: El Somriure Amagat, Birdbay, El grifo, Estereoscopía, Vicenta e Turning. Estas mesmas curtas proxectaranse no Auditorio de Galicia o martes 4 de outubro, tamén ás 20:30 horas.

A programación de + Curtocircuíto proxecta curtas de todas as seccións da Semana Oficial. Así, ademais do Palmarés, os martes 11 e 18 de outubro exhibiranse as curtas que se proxectarán nos Premios Goya 2011, no Auditorio de Galicia e no Centro Sociocultural de Fontiñas respectivamente: Una caja de botones, La bruxa, Zumo de limón, Memorias de un cine de provincias, e Adios papá, adios mamá.

As curtas da sección Panorama de Galicia proxectaranse os martes 25 de outubro e 8 de novembro, no Auditorio de Galicia e no Centro Sociocultural do Ensanche respectivamente. A exitosa sección que este ano se incluíu na programación do Festival, Os superheroes non sempre levan capa, será proxectada os martes 15 e 22 de novembro no Auditorio de Galicia e no Centro Sociocultural do Castiñeiriño. E será os martes 29 de novembro e 13 de decembro, cando a selección de curtas que conformou a sección Best of Reino Unido, se proxecten no Auditorio e máis no Centro Sociocultural de Conxo, respectivamente.

Grande afluencia nesta edición
Ao que levamos ata agora de Curtocircuíto asistiron 10.615 persoas, un público fiel, participativo, e que fixo desta VIII edición, a máis concorrida de todas as celebradas. Deses máis de 10.000, 8.915 acudiron á Semana Oficial, e 1.700 a Curtocircuíto na Rúa. A media de asistencia neste último programa, que se desenvolveu durante o verán compostelán, foi de 340 espectadores en cada sesión, sendo o 18 de agosto, co programa Feito en España, o día de maior asistencia, con 400 persoas.

Compartir: