URBANISMO E PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Axudas de ata 10.000 euros para a rehabilitación de vivendas no ámbito dos camiños de Santiago

22/09/2011 Os concelleiros de Participación Cidadá, Francisco Noya, e de Urbanismo, María Pardo, explicaron en rolda de prensa o Plan de Axudas para a Rehabilitación de Vivendas nos camiños de Santiago. Nesta mesma xornada detallaron o programa ás 31 asociacións de veciños dos ámbitos afectados, nunha reunión na que tamén participou o alcalde, Xerardo Conde Roa.

Poden acceder a estas axudas aqueles veciños que promovan obras de rehabilitación en vivendas no ámbito da Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago. Os inmobles deben destinarse a domicilio habitual e permanente durante, polo menos, cinco anos. Deben ter unha antigüidade superior a 10 anos e non poden ter recibido axudas para as mesmas actuacións nos 10 anos anteriores.

As actuacións protexibles comprenden tanto as obras no edificio e en elementos comúns como nas propias vivendas. Serán para melloras en seguridade, estanqueidade, accesibilidade, habitabilidade e eficiencia enerxética, así como para a utilización de enerxías renovables.

O orzamento máximo protexible para as obras será de 68.220 euros. Deste xeito, os beneficiarios poderían acceder a unha axuda do 40% do gasto subvencionable con cargo aos fondos do Ministerio de Fomento, ata un máximo de 5.000 euros por vivenda. De modo adicional, outro 40% podería ser achegado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), tamén cun máximo de 5.000 euros por vivenda. É dicir, o a axuda máxima pode chegar aos 10.000 euros.

Préstamo convido para a diferenza
A maiores, aqueles que obteñan a cualificación provisional das obras a realizar poden solicitar, se o desexan, un préstamo convido coas entidades financeiras que asinaron o convenio co Ministerio de Fomento. Esta préstamo será polo importe entre a diferenza do orzamento subvencionable e a axuda concedida. Outorgarase a un interese dun 3% e sen comisións nin gastos de apertura.

Procedemento
Os interesados en acceder a estas axudas deben presentar as súas solicitudes de cualificación provisional antes do 1 de decembro de 2011. O criterio de concesión será a orde de entrada das solicitudes presentadas en prazo e que cumpran os requisitos, e ata o límite orzamentario para cada anualidade (2012 e 2013). Por isto e porque se trata dunha partida xenérica para todos os municipios, tanto María Pardo como Francisco Noya insistiron na importancia da "celeridade na solicitude". Previamente, debe existir acordo da comunidade de propietarios. A partida total para estas axudas será de 5.730.000 euros a repartir a partes iguais nas anualidades 2012 e 2013 e achegadas ao 50% polo Ministerio de Fomento e o IGVS.

Unha vez executadas as actuacións de rehabilitación, presentarase a solicitude de cualificación definitiva e de concesión de subvención, acompañada das correspondentes facturas.

Estas axudas son incompatibles coas do Programa Renove do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012, pero compatibles cas acudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas nos ámbitos rural, histórico e dos camiños de Santiago.

Ordenanza de terrazas
A concelleira de Urbanismo aproveitou a rolda de prensa para anunciar que o seu departamento está a elaborar unha ordenanza de terras, que estará lista na primavera de 2012. Avanzou que as terrazas terán unha delimitación física, co obxecto de compatibilizar estas terrazas co paso dos peóns, evitando así que estes elementos invadan terrazas e rúas.

Fonte de Cervantes
Ao respecto da fonte de Cervantes, danada por un camión de reparto, María Pardo indicou que hai cinco pezas descolocadas e outras tres danadas, das cales unha está moi danada. Os técnicos están a avaliar se é conveniente restaurar esta peza ou colocar unha nova. En calquera caso, o custo deberá ser asumido pola aseguradora do vehículo.

Compartir: