ALCALDÍA

Conde Roa destaca a proxección cultural que suporía para Santiago ser sede do Womex

24/08/2011 Os organizadores do Womex (World Music Expo) están estes días en Santiago para coñecer a cidade, que opta a organizar esta feira –a máis importante no ámbito das músicas do mundo- a partir do ano 2014. Un día despois de visitar a Cidade da Cultura, que podería ser un dos espazos centrais da feira, os representantes da mesma foron recibidos en Raxoi polo alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa.

Conde Roa apuntou que o Concello está "moi interesado" en que o Womex se celebre en Santiago, por canto é "unha das feiras musicais máis importantes do mundo". Neste sentido, suporía "unha proxección moi importante para a cidade, e é empeño deste Goberno facer eventos que proxecten a cidade, cara a súa expansión cultural".

Na reunión falouse de posibles ubicacións, así como das achegas que podería facer a cidade ou as distintas administracións para un evento deste tipo. "A receptividade é mutua", dixo o rexedor municipal, expresando a súa crenza de que "estamos no bo camiño de poder acoller a Feira". "Son cuestións que aínda teremos que falar nos próximos meses, pero quedan ben asentadas unhas bases de colaboración", engadiu.

O alcalde agradeceu á organización a elección de Santiago para a visita "cando o normal son cidades máis grandes en poboación" e tendo en conta que tampouco visitan todas as cidades que optan á organización, segundo indicou un dos representantes de Womex, Antonio Martínez. Así, apuntou que "Womex é unha feira inusual, que lle dá un valor ao contido cultural, e aí si que Santiago xoga na liga doutras cidades máis grandes. É importante que a organización considere a Compostela apta pola súa importancia histórica e cultural".

Martínez subliñou tamén como valor engadido que "o impacto que tería un Womex nunha cidade como Santiago sempre sería diferente que nunha cidade de cinco millóns de habitantes. Ademais, Galicia ten moito que dicir neste ámbito musical". Destacou o papel importante que xoga a Cidade da Cultura no proxecto, pero tamén do resto de instalacións que está a visitar a organización. "As necesidades da Feira son tanto de día como de noite, pois por un lado é unha feira comercial durante o día, pero pola noite hai concertos, polo que se precisan espazos ben diferentes. Non existe unha solución de todo baixo un teito, pero a diferenza doutras cidades, pola súa dimensión, as distancias son moi próximas", comentou sobre este aspecto.

Compartir: