CULTURA

Diferentes estilos musicais na xornada do venres no Festival dos Abrazos

18/08/2011 Na xornada do venres 19, a protagonista absoluta da programación do Festival dos Abrazos será a música, aínda que de estilos moi diferentes. A igrexa da Universidade será o escenario do primeiro dos concertos de Música Antiga que se fan en colaboración coa Obra Social ‘la Caixa’. Será con Melante´s Band a partir das 21:00 horas. E un pouco máis tarde será na Zona "C" onde siga soando música. Ás 22:00 horas temos unha cita co rock dos Dirty Socks, dentro do Feito a Man, e a partir das 23:00 horas coa música electrónica de Funkombo. Se chove, os dous concertos serán no CGAC.

Melante’s band é un conxunto de cámara especializado na interpretación da música do Barroco e do primeiro período do Clasicismo, cun interese especial polas pezas para instrumentos de vento de autores como Georg Philipp Telemann, Johann Sebastian Bach e os seus contemporáneos. O conxunto toma o nome do anagrama italiano preferido de Telemann, «Melante», que o compositor usou entre os anos 1712 e 1733 para asinar numerosos manuscritos e coleccións impresas das súas obras.

Os membros do conxunto son músicos novos que, procedentes de países tan diversos como a República Checa, Italia, México, Australia e Xapón, coincidiron nos Países Baixos, onde se formaron no ámbito da interpretación con criterios históricos e instrumentos de época no Real Conservatorio d’A Haia e nos conservatorios de Amsterdam e Rotterdam. Eva Harmuthová, frautas de pico; Reiko Tsuiki, frauta traveseira; Roberto Bando, frautas de pico e traveseira; Anton Baba, violonchelo; Lorenzo Feder, clave.

Dirty Socks son un novo cuarteto galego con influencias do post-punk renovadas con sons actuais. A principios de 2010 gravan o seu primeiro Ep. Sen editaren as súas cancións en soporte físico, conseguiron cautivar ao público por medio de Myspace, superando as 400.000 visitas (o adianto do seu traballo foi na semana da súa publicación a 2ª canción máis escoitada desta plataforma en España).

Cunha media de idade de 19 anos, gañaron xa varios concursos, como a última edición do Levi´s Unfamous Music Awards, Músicaxove 2009... e participaron nalgúns dos mellores festivais españois como o Low Cost Festival, Cultura Quente, Purple Weekend, Ebrovisión, etc.

Funkombo é un combo de funk en directo formado por Mr. Fishman, alcumado Dr. Think, Sr. Topo e Beatmac, tres experimentados músicos da escena, que unen forzas neste proxecto para ofrecer un espectáculo de grooves nun gran formato de festa. Fishman aos pratos, Topo á batería electrónica e Beatmac ao micrófono fan que movas o esqueleto cunha nova forma de interpretar o funk, o break, o afrobeat e os seus derivados.

Música sempre dirixida para animar a festa por enriba de todo. Unha combinación de live-session, diversidade musical e bo groove coma mensaxe principal nos seus espectáculos.

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Compartir: