MEDIO AMBIENTE

Os tesouros naturais das 13 cidades patrimonio, ao descuberto nunha mostra con cen fotografías no Museo do Pobo Galego

08/06/2011 A concelleira de Medio Ambiente en funcións, Elvira Cienfuegos, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, inauguran esta tarde a mostra que permanecerá aberta ata o 26 de xuño. Esta exposición itinerante, organizada polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, descobre os valores ambientais menos coñecidos dos trece históricos enclaves.

A concelleira do Medio Ambiente en funcións, Elvira Cienfuegos, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, interveñen na inauguración da exposición "Patrimonio Natural", que se celebra esta tarde ás 20.00 horas no claustro do Museo do Pobo Galego. O acto contará tamén coa intervención musical de Ugia Pedreira, acompañada da danza de Marina Oural e Marcelo González.

O claustro do Museo do Pobo Galego acolle, dende o día 8 até o 26 de xuño, a primeira das montaxes da exposición fotográfica itinerante "Patrimonio natural". Trátase dunha mostra de máis de 100 fotografías onde se descobren os tesouros naturais das trece Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Os autores das imaxes son artistas de recoñecido prestixio, cuxo traballo se acompaña de citas de destacados autores e/ou especialistas no medio natural. As imaxes correspondentes a Santiago pertencen a Fuco Reyes, e os textos á escritora e bióloga Marilar Aleixandre.

Dende Santiago de Compostela, a mostra partirá a Ibiza/Eivissa na segunda quincena de xullo. Logo, as fotografías viaxarán a San Cristóbal de La Laguna, Córdoba, Ávila, Tarragona, Toledo, Cáceres, Segovia, Cuenca, Mérida, Alcalá de Henares e Salamanca, onde terminará o súa andaina en abril de 2012.

A exposición traza un percorrido visual, literario e tamén divulgativo pola flora e a fauna, polos espazos verdes urbanos e periurbanos de cada unha das Cidades Patrimonio. Unha viaxe por eses outros monumentos vivos, moitas veces inéditos e sempre sorprendentes. E unha nova forma de coñecer, respectar e valorar a nosa contorna natural.

Esta mostra tivo como orixe o libro+DVD Patrimonio natural. Ciudades Patrimonio de la Humanidad de España, editado en 2010 polo Grupo de Cidades Patrimonio e Alvarellos Editora. Nel participaran 26 escritores e fotógrafos. Unha parte desa publicación cobra agora nova vida.

Son en total 65 paneis fotográficos os que se mostran nesta exposición "Patrimonio natural", cinco paneis por cada unha das trece cidades. As fotografías imprimíronse sobre un novo sistema de montaxe que emprega o aluminio como base, é o coñecido como "Dibond", un novo material que, polo seu pouco peso e alta resistencia, é especialmente indicado para mostras itinerantes e ofrece calidade visual.

Compartir: