ALCALDÍA

Os gañadores do XVI Premio Literario Ánxel Casal exemplifican unha cultura galega viva

02/05/2011 O Salón Nobre do Concello acolleu a entrega de galardóns aos gañadores do XVI Premio Literario Ánxel Casal. Presentáronse 40 traballos a esta edición, que na opinión do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, reflicten "unha cultura galega viva e que se reproduce".

Na modalidade de poesía, recolleu o primeiro premio Ismael Ramos Castelo, do IES Virxe do Mar, de Noia, polo traballo Casa Tomada. Segundo o xurado, "hai que destacar o traballo na arquitectura do poemario constituído por catro partes e un post scriptum. É interesante o diálogo entre as citas, dunha estirpe de escritoras moi concreta, e a aportación do autor. Ademais debe salientarse a tensión reservada para o derradeiro verso, na súa precisión e no coidado da palabra".

O traballo presentado por Helena Salgueiro Golán, do IES Antón Fraguas, de Santiago de Compostela, co título O transitorio das palabras, fora merecente segundo o xurado do segundo premio xa que "quere chamar a atención sobre o traballo desenvolvido coa linguaxe, e a utilización do espazo do poema poñendo a proba a sintaxe. É interesante, así mesmo, o tratamento da palabra en relación ao silencio e a contención como fórmula que resolve o desencontro no acto poético". A nova escritora estaba en París, polo que recolleu o premio o seu pai.

No apartado de Teatro, a gañadora foi Concepció Rubert Castro, do Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, polo traballo Eros & Psique. O comentario dos expertos destaca a singularidade do tema abordado que actualiza o mito clásico de Eros e Afrodita levando o conflito ao tempo actual. Salienta así mesmo a fluidez da escrita e a estrutura dramática moi coidada, tanto nas acoutacións como no desenvolvemento dunha peza concibida para ser representada. O segundo premio declarouse deserto.

En canto aos traballos presentados na modalidade de Conto, Lucía Laíño Lojo, do IES A Cachada, de Boiro, acadou o primeiro premio coa obra SMP15. Para o xurado, estamos ante un conto que non e conto, que é unha novela, que engaiola pola ambición da narradora de contalo todo, cunha estrutura orixinal, actual e cun elemento fantástico moi ben introducido no mundo real. En segundo posto quedou Alba Sofía Naseiro Lamas, do IES Basanta Silva, de Vilalba, co título Os ollos da pantasma, un relato de pautas, de estilo clásico, con clara inspiración gótica e vitoriana, apuntando unha linguaxe imitadora da novela do XIX.

Os gañadores recolleron os seus premios de mans do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; da concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e de Manuel Bragado, director de Edicións Xerais e integrante do xurado. Precisamente, os membros do xurado foron os encargados de louvar cada un dos traballos nun acto no que a nota musical puxérona os violíns de Mario Diz e Cristina Taboada.

A edición número dezaseis do Premio Ánxel Casal coincide precisamente co ano no que se cumpre o 75 cabodano do falecemento do insigne galeguista Ánxel Casal, que fora alcalde da cidade de Santiago de Compostela. Sánchez Bugallo tivo palabras agarimosas para a súa familia e expresou o seu desexo de celebrar un acto especial o 19 de agosto con tal motivo.

Compartir: