ALCALDÍA

O alcalde recorda o antigo hospital de San Lázaro como forxador do carácter "humilde e solidario" deste barrio compostelán

10/04/2011 Celebrouse en San Lázaro a segunda xornada da Festa da Uña. O Concello vén colaborando na recuperación desta tradicional romería. Este ano, ademais, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi o encargado de pronunciar o pregón.

Por segunda edición consecutiva, San Lázaro saíu en procesión da capela ata o campo da festa, a carón do estadio de San Lázaro, onde se oficiou uha misa. Logo, o Santo regresou á ermida para recibir a bendición. Foi entón cando o alcalde pronunciou o seu pregón, no que lembrou algo que lle escoitou ao actor Manuel Manquiña cando dixo que San Lázaro era o seu sitio favorito de Santiago, porque "cun trazado e unha arquitectura moderna conserva a súa vida de barrio". "Aquí consérvanse tradicións como esta Festa da Unlla, que temos documentada dende hai máis de douscentos anos", explicou Sánchez Bugallo.

"Antigamente San Lázaro era un pobo ao que se chegaba antes de entrar en Santiago, coñecido por un pequeno hospital, o Lazareto, a onde chegaron enfermos de lepre e de peste de toda Galicia entre os séculos XIII e XIV", dixo na súa intervención. "Botaban aos enfermos das casas en canto deixaban ver algún síntoma, e estes camiñaban pedindo esmola ata chegar ao hospital, onde pasaban corenta días illados". Se os síntomas persistían, os enfermos non tiñan outra que quedarse a vivir aquí en San Lázaro, explicou o alcalde, e quizais por este motivo "San Lázaro forxou o seu carácter de barrio humilde e solidario coas persoas que non tiñan onde vivir". Ademais, tivo unha lembranza para Ramón Taboada, que foi "poxador oficial" das unllas durante corenta anos.

Sánchez Bugallo aludiu tamén ao valor gastronómico da Festa da Unlla. "Se ben o animal totémico galego por excelencia é a vaca só as familias ricas se podían permitir o luxo de comela", polo que "era o porco a nosa fonte de proteínas e sempre o aproveitamos enteiro, como dicía Cunqueiro: dende o fuciño ata o rabo".

Ás 12:30 horas, San Lázaro sairá en procesión da capela para ir ata o campo da festa, a carón do estadio de San Lázaro, onde se celebrará unha misa. Logo o Santo volverá á ermida para recibir a bendición. Entón o alcalde pronunciará o pregón.

O grupo Colexiata do Sar e a orquestra Fania puxeron a nota musical a unha xornada na que se pudieron degustar as uñas a carón da propia igrexa, acompañadas por chourizo, patacas e bertóns.

Poxa
O luns 11 terá lugar, a partir das 11:30 horas, a tradicional poxa das uñas. Este acontecemento era no pasado unha ofrenda a San Lázaro. Na actualidade, o recadado na poxa serve para sufragar os gastos das misas e para manter a capela.

Nesta xornada tamén tocará a Banda Municipal de Música. Xa pola noite, actuación da orquestra Panorama. Tamén haberá oficio relixioso este día, ás 11:00 horas.

Compartir: