EDUCACIÓN

O IES Rosalía de Castro representará a Santiago na décima edición do programa "Coñecer as Cidades Patrimonio"

07/04/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, recibiron o grupo do IES Rosalía de Castro que elaborou o traballo seleccionado por Santiago para participar na décima edición do programa didáctico Coñecer as Cidades Patrimonio. Os escolares viaxarán do 1 ao 3 de maio a Ávila, e posteriormente a Toledo, cidade que acolle nesta ocasión o certame final.

Os alumnos e alumnas de 2º da ESO do IES Rosalía de Castro gañaron esta edición co traballo titulado A auga nas Cidades Patrimonio: Ávila, dirixidos por Milvia Varela e Pilar Fernández.

Este grupo viaxará á cidade de Avila os días 1, 2 e 3 de maio e do 4 ao 6 de maio participarán no encontro final co resto dos grupos das Cidades Patrimonio en Toledo. O grupo gañador de Avila estará en Santiago de Compostela os días 27, 28 e 29 de abril participando nun amplo programa de visitas didácticas organizadas pola Concellería de Educación.

Coñecer as Cidades Patrimonio
O Programa Coñecer as Cidades Patrimonio é convocado pola Comisión de Educación da Asociación Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, no que participa a cidade de Santiago de Compostela, a través da Concellería de Educación. Está constituída polas cidades de Mérida, San Cristóbal de La Laguna, Salamanca, Toledo, Segovia, Tarragona, Eivissa, Cuenca, Santiago de Compostela, Córdoba, Alcalá de Henares, Cáceres e Ávila.

O obxectivo principal deste programa educativo, no que participan estudantes de ESO das 13 cidades patrimonio, é que os rapaces e rapaces coñezan máis polo miúdo os segredos que agochan estas urbes.

Cada ano unha delas é a cidade organizadora, neste caso Toledo, mentres que as outras se agrupan en parellas para que os rapaces de cada unha delas realice un traballo sobre a outra. Despois de meses de investigación, os alumnos/as obteñen como premio unha viaxe á urbe sobre a que traballaron e tamén á cidade organizadora. Nesta edición os traballos versaron sobre a auga nas Cidades Patrimonio.

Compartir: